O PSOE de Arteixo defenderá no pleno unha moción pola paz e chama a participar na manifestación do 14 de marzo

Os socialistas reclaman o cesamento das hostilidades e sumaranse á mobilización convocada por Parar la Guerra na Praza do Obelisco da Coruña.

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo presentará no pleno ordinario do mes de marzo unha moción en defensa da paz e do dereito internacional ante a escalada militar que se está a producir en Oriente Medio. A iniciativa busca reafirmar o compromiso institucional coa resolución pacífica dos conflitos e reclamar o cesamento inmediato das hostilidades antes de que a situación derive nunha crise de maior dimensión.

Na moción, os socialistas expresan a súa profunda preocupación polas consecuencias humanas, sociais e económicas que provocan os conflitos armados. Segundo sinalan, as guerras teñen sempre un alto custo en vidas humanas, destrución de cidades, desprazamentos forzosos de poboación e unha inestabilidade que acaba tendo impacto no conxunto do mundo.

Desde o PSOE lembran ademais que a historia recente demostrou que as intervencións militares fóra do marco do dereito internacional non resolveron os conflitos e, en moitos casos, provocaron máis violencia e crises humanitarias de gran magnitude. Por iso consideran que nun momento como o actual é necesario reivindicar con claridade que a guerra non pode ser a resposta e que a única saída posible debe ser política e diplomática.

A iniciativa que defenderán no pleno reclama aos Estados Unidos, Israel e Irán o cesamento inmediato das hostilidades e reafirma o compromiso cos principios recollidos na Carta das Nacións Unidas, que establecen o diálogo e a resolución pacífica dos conflitos como base da convivencia entre países e pobos.

Ao mesmo tempo, o texto tamén expresa o rexeitamento ao réxime de Irán pola represión e pola vulneración dos dereitos fundamentais da súa cidadanía, especialmente das mulleres, e manifesta a solidariedade coas vítimas civís que están a sufrir as consecuencias da violencia.

Entre os acordos incluídos na moción tamén figura o apoio aos esforzos diplomáticos do Goberno de España, da Unión Europea e da comunidade internacional para lograr unha desescalada do conflito e abrir vías de negociación que permitan avanzar cara á paz.

Ademais da iniciativa institucional, o Grupo Municipal Socialista anunciou que se sumará á mobilización convocada pola plataforma Parar la Guerra, que terá lugar o 14 de marzo ás 12.00 horas na Praza do Obelisco da Coruña, coa finalidade de reclamar o fin das hostilidades e defender unha saída pacífica ao conflito.

Desde o PSOE, o secretario xeral dos socialsitas de Arteixo, Martín Seco, sinala que, “ante situacións como a actual, as institucións e a cidadanía deben expresar con claridade unha posición baseada nun principio fundamental da conciencia democrática: o rexeitamento da guerra e a defensa da paz, do diálogo e do dereito internacional como únicas vías para resolver os conflitos”.

Siguiente
Siguiente

O PSOE cuestiona a construción dunha gasolineira xunto ao encoro do Rosadoiro en Sabón