Presión contra a estación de mercadorías en Orro: o PSOE reclama un rexeitamento unánime do Concello de Arteixo
Os socialistas piden trasladar ao Ministerio a oposición veciñal e sumarse a Culleredo para abrir unha negociación sobre a ubicación
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo levará ao vindeiro pleno unha moción para forzar unha posición unánime da corporación contra a posible instalación dunha nova estación ferroviaria de mercadorías no entorno das parroquias de Orro e Souto, un proxecto que está a xerar un crecente rexeitamento veciñal.
A iniciativa busca que o Concello traslade de forma oficial ao Ministerio de Transportes a oposición da poboación afectada, e que se sume á petición do Concello de Culleredo para abrir unha mesa de negociación que permita avaliar alternativas afastadas dos núcleos residenciais.
Os socialistas amosan así o seu apoio á mobilización da veciñanza de Souto, que está a recoller sinaturas para reclamar a paralización do proxecto polo seu impacto directo sobre un entorno rural e habitado. Consideran que a ubicación proposta “compromete a calidade de vida da poboación” e reclaman un proceso “rigoroso e transparente” que analice outras posibles localizacións.
O voceiro socialista, Martín Seco, defende que Arteixo “non pode quedar á marxe dunha decisión que afecta directamente ao seu territorio” e aposta por sumar forzas con Culleredo para “ter voz na elección dunha ubicación compatible co desenvolvemento loxístico pero sen prexudicar á veciñanza”.
Seco lembra ademais que o Ministerio xa descartou no seu momento unha posible localización en Uxes tras a presión veciñal, polo que considera que “debe escoitar agora tamén á veciñanza de Orro e Souto e aos dous concellos para atopar unha solución equilibrada”.
Desde o PSOE insisten en que o impulso ao transporte ferroviario e ao desenvolvemento loxístico “non pode facerse a costa dos núcleos habitados”, e reclaman ao goberno local que lidere unha resposta firme en defensa dos intereses da cidadanía.

