O PSOE de Arteixo acusa ao alcalde de desconvocar a comisión do PXOM tras solicitar a documentación existente
Os socialistas denuncian falta de transparencia e rexistran unha petición para acceder a todos os documentos actualizados do Plan Xeral
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo denunciou a desconvocatoria da Comisión Informativa Especial de seguimento do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), prevista para o luns 23 de marzo, e acusa ao alcalde de adoptar esta decisión tras a petición do grupo socialista de incluír na convocatoria a documentación existente.
Segundo sinalan desde o PSOE, a comisión ía abordar cuestións relacionadas coa formulación e tramitación do PXOM, pero finalmente foi desconvocada despois de que o grupo solicitase na Xunta de Voceiros que se facilitase a documentación relativa aos asuntos a tratar. Como resposta, indican, o alcalde comunicou que a comisión se convocaría “cando houbese algo que aprobar”, unha postura que, ao seu xuízo, evidencia a falta de vontade de garantir a participación da oposición.
Ante esta situación, o portavoz socialista, Martín Seco, vén de rexistrar unha solicitude formal reclamando acceso a toda a documentación existente no Concello relativa aos trámites e á redacción do Plan Xeral. A petición está amparada no artigo 77 da Lei de Bases de Réxime Local e no artigo 226 da Lei 5/1997, que recoñecen o dereito dos membros da corporación a obter cantos datos e informacións resulten necesarios para o exercicio das súas funcións.
Desde o PSOE consideran “inaceptable” que se convoque unha comisión sobre un asunto de tanta relevancia urbanística sen facilitar previamente a información aos grupos municipais, e aseguran que a súa desconvocatoria evidencia “unha clara falta de transparencia” na xestión do PXOM, ao tempo que alertan dunha posible ocultación dos traballos realizados ata o momento.
Os socialistas reclaman que se lles remita a documentación relativa aos traballos da empresa redactora e aos trámites desenvolvidos, tal e como solicitaron por rexistro, e lembran que o acceso á información pública está recollido tamén na Lei 19/2013 de transparencia.
Para o Grupo Socialista, o PXOM é “un documento clave para o futuro urbanístico de Arteixo” e debe ser tratado con criterios de máxima transparencia e participación, permitindo que todos os grupos municipais poidan analizar a información e formular as súas achegas.
Seco conclúe que non é aceptable que o goberno local “bloquee o acceso á información e paralice órganos de control” nun asunto de tanta importancia, e esixe ao alcalde que facilite a documentación aos membros da comisión “para exercer con garantías a súa labor democrática nun documento que leva 15 anos bloqueado”.

