O PSOE de Arteixo pide medidas urxentes tras o derrube dun muro na rúa Figueiras de Oseiro

Os socialistas alertan do risco para peóns e vehículos e reclaman avanzar na mellora da accesibilidade e rehabilitación da aldea

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo levou ao último pleno municipal un rogo para reclamar actuacións urxentes tras o derrube dun antigo muro de contención nunha parcela situada na rúa Figueiras, na aldea de Oseiro, un suceso que xerou preocupación entre a veciñanza pola seguridade da zona.

Segundo explica o portavoz socialista, Martín Seco, “o derrube produciuse recentemente nun punto polo que circulan tanto peóns como vehículos, o que supuxo un risco evidente para a seguridade das persoas”. Ademais, os socialistas advirten de que este incidente tamén provoca inquietude entre os residentes ante a posibilidade de novos desprendementos ou problemas de estabilidade noutros terreos e parcelas lindeiras.

Por este motivo, o grupo municipal socialista solicitou no pleno que o goberno local adopte as medidas necesarias para garantir a seguridade da rúa Figueiras e das edificacións situadas no seu entorno, evitando que se poidan producir novos episodios semellantes.

Ao mesmo tempo, os socialistas aproveitaron esta iniciativa para volver reclamar avances na mellora da accesibilidade e na rehabilitación da aldea de Oseiro, unha cuestión que, segundo lembran, levan anos trasladando ao pleno municipal.

Neste sentido, sinalan que existe disposición por parte dos propietarios dunha antiga edificación de pedra situada na esquina entre a rúa do Igrexario e a rúa Rañobre para negociar unha posible cesión do inmoble, unha actuación que permitiría mellorar a accesibilidade nesta zona da aldea.

Desde o PSOE consideran que esta podería ser unha oportunidade para avanzar nun plan de rehabilitación e mellora urbanística de Oseiro, un núcleo tradicional que, ao seu xuízo, necesita actuacións que permitan garantir tanto a seguridade como a mobilidade da veciñanza.

Por todo iso, o Grupo Municipal Socialista pediu ao goberno local que informe se realizou algún tipo de contacto ou trámite coas persoas propietarias desta edificación e que se valore a posibilidade de impulsar actuacións que melloren a accesibilidade e a seguridade na aldea.

Os socialistas sinalan que situacións como a vivida recentemente na rúa Figueiras evidencian a necesidade de actuar con previsión e planificación para evitar riscos e avanzar na conservación e mellora dos núcleos tradicionais do municipio.

Siguiente
Siguiente

O PSOE de Arteixo defenderá no pleno unha moción pola paz e chama a participar na manifestación do 14 de marzo