O PSOE de Arteixo acusa ao PP de deixar soa á veciñanza de Suevos fronte ao parque eólico de Langosteira
Os socialistas denuncian que o goberno local non utilizou a pequena distancia dos muíños ás vivendas do porto de Suevos que están en proceso de legalización, malia facelo noutros proxectos en parroquias do concello
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo acusa ao goberno local do PP de deixar soa á veciñanza de Suevos e Rañobre trala publicación, por parte da Xunta de Galicia, da Declaración de Impacto Ambiental do proxecto do parque eólico do Porto Exterior de Langosteira, promovido por Inditex Renovables, S.L.U., un proxecto que afecta directamente á veciñanza desa parroquias.
Os socialistas lembran que o goberno do PP en Arteixo rexeitou actuar administrativa e xudicialmente contra este proxecto, desatendendo as peticións da veciñanza de Suevos, que reclamaba a remodelación do deseño ao situarse algúns muíños a pouca distancia de vivendas en proceso de legalización, con posibles impactos visuais, ambientais e para a saúde.
Dende o PSdeG-PSOE critican o que consideran un trato desigual entre parroquias, xa que o goberno local si actuou con firmeza noutros casos, como nos proxectos de liñas de alta tensión en Loureda ou no parque eólico de Carboeiro, mentres que nesta ocasión “decidiu poñerse de costas á veciñanza de Suevos e Rañobre, como se fosen parroquias de segunda tal e como afirmou o propio goberno en plenos anteriores”, indica o portavoz socialista, Martín Seco.
Os socialistas subliñan que o Concello tiña argumentos legais para actuar, tendo en conta que o núcleo do porto está en proceso de legalización e que a instalación de aeroxeradores podería incumprir as distancias mínimas esixidas pola normativa vixente, pero optou por non utilizar este recurso e deixar á veciñanza soa fronte ao proxecto.
Por todo isto, o PSOE de Arteixo preguntou no pleno de Decembro, cal era o motivo polo que o goberno do PP non defendía á veciñanza de Suevos, nin esixía ao promotor que alonxase os muíños das vivendas, reclamando explicacións por unha decisión que consideran inxusta, incoherente e allea aos intereses da cidadanía afectada.
Seco denuncia que “o goberno local decidiu, unha vez máis, insultar á oposición en vez de dar explicacións sobre os motivos de porque se dobrega aos intereses da promotora eólica e non actúa para protexer á veciñanza” que segue sen ter información dos proxectos que chegan ao porto exterior. “Tamén deberan aclarar porque o proceso de legalización do núcleo leva estancado 12 anos (dende o 2014) e se a legalización deste núcleo faría imposible que os muíños se instalasen a distancia que figura no proxecto tal e como establece a lei” remata o portavoz socialista.

