O PSOE de Arteixo denuncia o silencio informativo do Concello ante un incidente industrial que afectou a Meicende

Os socialistas acusan ao goberno do PP de usar os medios municipais para propaganda electoral en vez de ser unha canle para comunicar as incidencias que preocupan á poboación próxima á industria do concello. 

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo esixe ao goberno local do Partido Popular “que faga un esforzo por comunicar as incidencias propias da industria próxima aos nosos núcleo de poboación e darlle tranquilidade á cidadanía do norte do concello pola súa seguridade e salubridade”, ademais da información necesaria para poder reclamar danos deses incidentes. 

O portavoz socialista, Martín Seco, explica que moita veciñanza do núcleo de Meicende viuse afectada por un incidente da semana pasada no proceso productivo das plantas da refinería na parte de Nostían que provocou que moitas vivendas e vehículos de Meicende aparecesen cheos de suciedade. “Sabemos que a propia refinería informou ao concello sobre o incidente e se puxo a disposición dos afectados para solucionar esta situación”  engade Seco. Porén, cando parte da veciñanza contactou co Concello para solicitar información, foi derivada ao departamento de Medio Ambiente, onde “non se lles soubo explicar nin a orixe do incidente nin os procedementos para reclamar a limpeza dos danos sufridos, asegurándolles incluso que non se tiña coñecemento do ocorrido.”

Dende o PSdeG-PSOE consideran “inaceptable” esta falta de información nun concello que convive cunha actividade industrial potencialmente perigosa. “O mínimo esixible é que o goberno local informe con transparencia, dea tranquilidade sobre posibles riscos para a saúde e facilite á cidadanía as vías para reclamar os danos causados”, sinalan.

Os socialistas lamentan que, mentres se nega información relevante á veciñanza afectada, os medios públicos do Concello se empreguen de forma sistemática para a promoción política do Partido Popular, deixando de cumprir a súa función básica de servizo público e protección da cidadanía.

Anterior
Anterior

O PSOE de Arteixo acusa ao PP de deixar soa á veciñanza de Suevos fronte ao parque eólico de Langosteira

Siguiente
Siguiente

O PSOE de Arteixo cuestiona a externalización da información turística mentres o Concello mantén pechada a súa oficina municipal