O PSOE de Arteixo esixe garantir un abastecemento de auga digno no barrio de Montepequeno
A falta de presión na rede obriga á veciñanza desde barrio a quentar auga como “hai décadas” mentres o goberno fala de dixitalización
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo levou ao pleno de decembro a grave situación que está a vivir a veciñanza do barrio de Montepequeno, no núcleo urbano de Arteixo, onde a falta de presión na rede de abastecemento de auga está a impedir o normal desenvolvemento da vida diaria.
Segundo trasladan os propios veciños e veciñas, a escasa presión da auga provoca que en moitos momentos non poidan dispoñer de auga quente, dificultando tarefas básicas como o aseo persoal, ata o punto de verse obrigados a quentar auga nas cociñas, “como se estivéramos no século pasado.”
Dende o PSdeG-PSOE, o seu portavoz, Martín Seco, lembra que esta situación non é un feito illado, senón que se suma a outros problemas recorrentes no servizo municipal de augas, como “avarías constantes, episodios de subministración de auga sucia ou cortes e caídas de presión, incluso no propio núcleo urbano do concello”.
“Resulta especialmente preocupante que mentres o goberno local presume de dixitalización e modernización da rede, haxa barrios enteiros que non poidan contar cun servizo básico en condicións dignas”, enfade Seco.
Por todo iso, o Grupo Municipal Socialista rexistrou un rogo no pleno solicitando ao goberno local que actúe con urxencia para solucionar as continuas fallas de presión da auga en Montepequeno, garantindo unha prestación adecuada dun servizo esencial e básico para a veciñanza.

