O PSOE de Arteixo alerta da deriva de SUMARTE e acusa ao PP de convertela nun chiringuito político

Os socialistas denuncian cambios nos estatutos para duplicar a xestión do lixo sen medios nin persoal e advirten do anuncio de privatización da recollida de residuos polo capricho do alcalde

José Manuel Álvarez-Campana, gerente de SUMARTE / CARLOS PARDELLAS

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo denuncia o descontrol ao que o Partido Popular ten sometida á empresa pública SUMARTE, logo da aprobación —cos votos do PP e o rexeitamento dos socialistas— dun cambio de estatutos que duplica a xestión do lixo sen ningunha planificación nin explicación convincente.

Segundo o voceiro socialista, Martín Seco, “unha empresa pública que naceu para dar un servizo á cidadanía con eficacia e proximidade, estase a converter nun auténtico caixón desastre pola incapacidade da súa xerencia e a falta de vontade do goberno local do PP para estruturar e organizar o persoal”.

Os socialistas critican que os seus representantes non reciben información suficiente nin participan nas decisións estratéxicas, mentres a dirección de SUMARTE renuncia a utilizar os canles de negociación cos traballadores/as. Ademais, lembran que a empresa acumula unha infracción grave da Inspección de Traballo pola xornada laboral irregular do persoal de augas, sen que se aplicasen medidas correctoras.

Por outra banda, Seco subliña que o alcalde “prefire anunciar unha futura privatización parcial da recollida do lixo e deixar outra parte en mans de SUMARTE, que a día de hoxe non conta nin con persoal nin con medios para facelo”. Para o PSOE, isto supón un paso atrás na xestión pública dos servizos e unha mostra máis da falta de planificación e diálogo co persoal municipal.

O Grupo Socialista insiste en que SUMARTE debe centrarse en consolidar unha boa xestión dos servizos que xa ten asignados —auga e limpeza viaria—, garantir condicións laborais dignas e igualdade de oportunidades na bolsa de emprego, e só entón avanzar cara a novos servizos como a recollida de residuos ou mesmo a xestión do Servizo de Axuda no Fogar, que acumula demasiadas experiencias negativas baixo concesión privada.



Anterior
Anterior

Os socialistas de Arteixo piden ao pleno unha condena firme contra os ataques ás sedes políticas e os discursos de odio

Siguiente
Siguiente

O PSOE de Arteixo alerta da reiteración de lumes en Pastoriza e esixe ao goberno local medidas urxentes de prevención