Os socialistas de Arteixo piden ao pleno unha condena firme contra os ataques ás sedes políticas e os discursos de odio
O PSOE arteixán reclama reforzar a convivencia democrática e urxen ao Concello a eliminar con rapidez pintadas ameazantes aparecidas no municipioArteixo
Vandalismo na sede do PSOE Arteixo 2022
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo presentará no pleno de setembro unha moción para que a corporación municipal condene de maneira expresa os ataques sufridos por máis de 200 sedes de partidos políticos en toda España nos últimos anos, incluídas as de Arteixo, así como as agresións físicas e verbais a cargos públicos, profesionais da comunicación, ONG, sindicatos e plataformas cidadás.
O portavoz do Grupo Municipal Socialista advirte de que “a violencia verbal e os discursos de odio están a converterse no caldo de cultivo para comportamentos violentos máis graves”, tal e como se viu en recentes ataques a sedes, incluído o do PP en Huesca ou o uso de explosivos caseiros contra a sede do PSOE en Santander.
“En Arteixo tamén se teñen producido pintadas ameazantes como no ano 2022, e envío de cartas intimidatorias”, lembra Seco, polo que reclaman ao goberno local un protocolo de actuación para súa eliminación inmediata cando así ocurra.O voceiro socialista, Martín Seco, subliña que “os debates políticos deben desenvolverse no ámbito das ideas e non na descalificación persoal nin no sinalamento de cargos públicos, porque iso supón poñelos nunha diana perigosa ante os intolerantes que cren que todo vale”.
A moción socialista tamén insta a todas as forzas políticas a rexeitar o uso de mensaxes que alimenten o odio e a traballar conxuntamente para reforzar a convivencia, a liberdade e os valores democráticos recollidos na Constitución.

