O PSOE de Arteixo alerta da incapacidade dos Servizos Sociais para responder a emerxencias vitais e habitacionais no concello
Os socialistas esixen solucións reais e estables despois de observar o caso dun veciño que estivo a durmir nunha marquesina en A Catuxa e menos ataques persoais do alcalde cara os concelleiros socialistas
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo ven de denunciar a falla de resposta eficaz dos Servizos Sociais do Concello ante situacións de emerxencia vital e habitacional no municipio, logo de facerse público o caso dun veciño do barrio da Catuxa que levaba tempo durmindo nunha marquesiña sen que o departamento de servizos sociais activase solucións estables a esta situación.
Os socialistas recoñecen que, tras as denuncias da veciñanza nas redes sociais, se produciron intervencións e a persoa afectada foi trasladada temporalmente a un centro onde está a ser atendido, ademais de proceder con premura a a limpar a marquesiña cando os medios de comunicación se preocupaban polo tema. Porén, advirten de que estas actuacións non resolven o problema de fondo e deixan unha pregunta clave enriba da mesa: que vai acontecer cando este veciño ou outra persoa se atope na rúa?
Martín Seco, portavoz dos socialistas arteixáns, sinala que este caso pon en evidencia a incapacidade do Concello para dar unha resposta rápida e eficaz a situacións de emerxencia social, especialmente cando afectan a persoas en risco extremo de exclusión. Seco lembra que en numerosas ocasións pediron ao goberno local que analizase esta realidade e habilitase solucións habitacionais, atopando sempre como resposta que o municipio non dispón de vivendas en propiedade para estes casos.
Ademais, os socialistas denuncian que Arteixo carece dun sistema que garanta a alimentación diaria ás persoas en situación de emerxencia, malia que durante anos se prometeu a creación dun comedor social que nunca chegou a facerse realidade.
“Nun concello con alto orzamento, que presume de investimento social, é inadmisible que non existan recursos básicos para atender situacións límite, que deixan ás claras as carencias na atención ás persoas máis vulnerables”, subliña Martín Seco, que engade que “o preocupante é a reacción do alcalde ante as preguntas socialistas no pleno, acusándonos de non facer nada polo veciño afectado, e esixirnos unha petición de disculpas a este cidadán, como se a cidadanía fose a culpable ante esta situación e non fose unha competencia do seu goberno actuar”
Por todo isto, o PSOE de Arteixo segue esperando a que desperte o PP de Calvelo e tome medidas para evitar que se repitan estas situacións, activando políticas públicas para dispoñer de vivendas para situacións de emerxencia social, desafiuzamentos, casos de violencia de xénero, etc... e dun sistema que garanta a atención alimentaria inmediata ás persoas que máis o necesitan.

