Os socialistas de Arteixo denuncian o “resultado inaceptable” dunha obra recentemente executada en Loureda e reclaman a reparación inmediata do vial

O PSOE esixe responsabilidades polas fochancas aparecidas días despois do asfaltado do Camiño do Cancelo

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo presentou no último pleno un rogo no que reclama solucións urxentes e a depuración de responsabilidades polo mal estado no que quedou o Camiño do Cancelo, na parroquia de Loureda, apenas uns días despois de que se realizase o seu asfaltado.

Segundo denuncian os socialistas, a aparición de numerosas fochancas e o deterioro prematuro da vía evidencian unha execución deficiente dunha obra financiada con fondos públicos. Unha situación que consideran “inadmisible” tanto polo risco que supón para a seguridade viaria como polo desprezo que representa cara á veciñanza e aos recursos municipais.

O portavoz do grupo municipal lsocialista, Martín Seco, sinala que esta actuación foi pagada con cartos de toda a cidadanía e que, por tanto, o Concello ten a obriga de garantir que as obras se executen con calidade, durabilidade e conforme ás condicións técnicas esixibles. “Non é de recibo que un vial recentemente asfaltado presente este estado lamentable”, argumenta.

Por este motivo, o PSOE de Arteixo instou ao goberno local a esixir responsabilidades á empresa ou responsables da execución da obra e a proceder de inmediato á reparación do Camiño do Cancelo, devolvéndoo ás condicións óptimas que debería ter tras a inversión realizada.

Desde o grupo socialista insisten en que a boa xestión dos fondos públicos pasa por un control rigoroso das obras municipais e por non mirar para outro lado cando o resultado non cumpre cos mínimos esixibles de calidade e seguridade.

Siguiente
Siguiente

O PSOE de Arteixo reclama medidas urxentes para mellorar a convivencia veciñal, a limpeza urbana e o benestar animal