O PSOE de Arteixo esixe transparencia sobre os proxectos industriais previstos no porto exterior de Langosteira
Os socialistas reclaman información pública e diálogo coa veciñanza ante iniciativas con impacto directo en Suevos e Rañobre
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo presentou no pleno de xaneiro un rogo ao goberno local para reclamar información, transparencia e participación cidadá respecto aos proxectos industriais previstos no porto exterior de Langosteira, cuxo impacto pode afectar de maneira directa aos núcleos de poboación próximos.
Os socialistas lembran que o pasado mes preguntaron polas actuacións do Concello tras a declaración de impacto ambiental favorable da Xunta de Galicia ao proxecto do parque eólico promovido por Inditex Renovables, S.L.U. No expediente solicitado polo grupo municipal non consta que o Concello formulase ningún reparo ao proxecto, malia situar os aeroxeradores moi preto de vivendas existentes, unha circunstancia que, segundo o PSOE, podería terse empregado para defender a legalización dos núcleos afectados ou mesmo para actuar no ámbito xudicial, dado o incumprimento das distancias mínimas que establece a lexislación vixente.
O portavoz socialista, Martín Seco, subliña que non cuestionan a finalidade industrial do porto exterior nin a necesidade de actividade económica, pero reclama que esta se desenvolva garantindo a convivencia cos núcleos habitados e cunha información clara e accesible á veciñanza. “O problema non é a industria, senón a falta de información e de defensa do interese veciñal”, sinala Seco.
Nos últimos días, os socialistas tiveron coñecemento de que unha asociación veciñal de Suevos presentou alegacións ao anuncio da Autoridade Portuaria da Coruña sobre a modificación substancial dunha concesión administrativa no porto exterior, titularidade de Repsol Petróleo, S.A. Porén, nin a veciñanza nin a oposición coñecen o contido real do proxecto, unha situación que consideran inadmisible.
A esta falta de información súmase o feito de que o propio alcalde fixese referencia no último pleno a outros posibles proxectos industriais, como depósitos de gasolina, unha planta de produción de hidróxeno ou unha instalación para a fabricación de estruturas para a eólica mariña, sen que exista información oficial trasladada nin á corporación municipal nin á cidadanía afectada.
Por todo isto, o Grupo Municipal Socialista de Arteixo rogou ao goberno local que informe e poña a disposición da oposición todos os proxectos de actividade industrial que teñan entrada no Concello para a súa instalación no porto exterior, así como que convoque reunións informativas coa veciñanza de Suevos e Rañobre para garantir transparencia, participación e unha convivencia real entre a actividade industrial e os núcleos de poboación.

