O PSOE de Arteixo alerta de falla de rigor no sistema de recollida selectiva da fracción orgánica do lixo e denuncia a perigosa ubicación dos colectores de Oseiro

Os socialistas reclaman un sistema de control eficaz e unha reubicación urxente da illa dos colectores tras recibir queixas da veciñanza de máis idade e con algunha discapacidade.

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo vén de presentar no último pleno un rogo no que advirte de importantes deficiencias no novo sistema piloto de recollida da fracción orgánica implantado polo goberno local, ao tempo que reclama unha reubicación urxente da illa de colectores situada no alto do campo de fútbol de Oseiro, debido aos riscos que está a provocar entre a veciñanza.

O portavoz socialista, Martín Seco, lembra que o executivo municipal comprometérase a moderar a suba da taxa do lixo mediante a participación en programas medioambientais, mais “o que temos agora é un proxecto improvisado, limitado só ao núcleo de Arteixo e que non garante en absoluto que os usuarios fagan unha separación correcta da materia orgánica”.

Segundo explica o concelleiro socialista, o sistema unicamente comproba que o usuario abre o colector mediante identificación dixital, “pero non existe ningún mecanismo que verifique se realmente se deposita lixo nin o tipo de residuo introducido, algo esencial para o éxito do programa”.

Ao tempo, o PSOE de Arteixo recolle as queixas dos veciños e veciñas de Oseiro, que denuncian que a altura e colocación dos colectores situados na parcela sobre o campo de fútbol “fai moi difícil o seu uso”. Persoas maiores e con discapacidade xa comunicaron caídas e problemas de accesibilidade, o que está a provocar que moitos renuncien a introducir as bolsas no interior e as deixen ao carón da illa.

Por todo isto, o Grupo Municipal Socialista solicitoulle ao goberno local a implantación dun sistema de control real e efectivo que garanta que a fracción orgánica se separa correctamente, así como a modificación da ubicación e accesibilidade da illa de colectores de Oseiro para que poida ser utilizada con seguridade por toda a veciñanza.

Siguiente
Siguiente

O PSOE de Arteixo esixe cambios urxentes nas axudas ao comedor escolar para garantir que ningún neno quede sen unha comida digna