O PSOE de Arteixo esixe cambios urxentes nas axudas ao comedor escolar para garantir que ningún neno quede sen unha comida digna

Os socialistas denuncian atrasos inaceptables do goberno local e propoñen un sistema de “talón comedor” para evitar que as familias teñan que adiantar o pagamento.

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo vén de denunciar, unha vez máis, o bloqueo e os atrasos inadmisibles nas axudas aos comedores escolares, que están deixando sen cobertura a familias con dificultades económicas e poñendo en risco o acceso dos menores a unha alimentación adecuada.

O portavoz socialista, Martín Seco, sinala que o sistema actual, xestionado a través das ANPA ou das empresas prestadoras do servizo,  obriga ás familias con menos recursos a adiantar o pagamento mensual do comedor, un custo que moitas non poden asumir. “Esta situación está a provocar que nenos e nenas con dereito á axuda non poidan acudir ao comedor escolar por non poder pagar por adiantado”, denuncia o voceiro socialista.

O problema, advirten, agrávase polos continuos atrasos do goberno local. O PSOE recorda que as listas definitivas das axudas do curso 2023/2024 se publicaron  en setembro de 2024, que as axudas do 2024/2025 seguen sen listaxe definitiva e que o curso 2025/2026 leva máis de dous meses iniciado e as axudas aínda non foron convocadas. “É inxustificable que en novembro aínda non exista convocatoria para unhas axudas que son imprescindibles para moitas familias”, asegura o PSOE.

O PSOE propón o ‘Talón Comedor’ para garantir igualdade real

O Grupo Socialista reclama que Arteixo adopte un modelo similar ao da Xunta cos libros de texto ou ao do Concello de Vigo: un talón directo ás familias beneficiarias, que poidan entregar ás ANPA ou empresas xestoras sen ter que adiantar nin un euro.

“Non falamos dunha cuestión técnica, senón de garantir que ningún neno ou nena quede sen unha comida digna por culpa da burocracia ou pola incapacidade de xestión do goberno do PP”, subliña Seco.

O Grupo Socialista insta ao goberno local a:

  1. Aprobar sen máis demoras as bases das axudas para o curso 2025/2026.

  2. Modificar o sistema actual e implantar o modelo de ‘talón comedor’ para evitar que as familias teñan que adiantar o custe do servizo.

“O concello ten a obriga moral e política de garantir que ningún menor de Arteixo quede excluído do comedor escolar pola situación económica da súa familia”, conclúe o portavoz socialista.

Anterior
Anterior

O PSOE de Arteixo alerta de falla de rigor no sistema de recollida selectiva da fracción orgánica do lixo e denuncia a perigosa ubicación dos colectores de Oseiro

Siguiente
Siguiente

O PSOE de Arteixo denuncia que o alcalde evita explicar a falta de apoio ás persoas con diversidade funcional