O PSOE de Arteixo alerta do grave perigo por derrubamentos na Avenida de Borroa
O mesmo día no que os socialistas reclamaron no pleno actuacións urxentes en canalizacións e pavimento, produciuse un desprendemento de terras na zona que puido ter causado algún accidente grave.
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo denuncia o abandono da parroquia de Borroa case un ano despois da aprobación por unanimidade dunha moción socialista que demandaba investimentos e melloras urxentes nesa parroquia.
O portavoz socialista, Martín Seco, afirma que “o goberno municipal segue sen mover ficha” e lamenta que nin nos orzamentos de 2025 nin no recente suplemento de crédito de case 5 millóns de euros se contemplen actuacións neste núcleo, a pesar da grave situación que vive a veciñanza por mor do deterioro das infraestruturas básicas.
Seco denuncia que volven quedar esquecidas unhas actuacións “urxentes e necesarias” porque o estado das canalizacións de auga “son cada vez peores e ademais están a deixar o pavimento da avenida de Nostián nun estado “intransitable” e afirma que “ata se está caendo o pavimento na subida dende o lavadoiro cara Montillos”, como sucedeu o mesmo día do pleno no que os socialistas reclamaban actuacións urgentes na zona.
A moción presentada polos socialistas aprobada en 2024, alertaba da existencia de puntos críticos que dificultan a accesibilidade de vehículos de emerxencia, como camións do lixo ou bombeiros, debido á presenza de construcións en estado de abandono e ao escaso ancho dalgunhas rúas. Tamén recollía a situación insostible das canalizacións de auga, que requiren intervencións constantes por parte dos operarios municipais e un pavimento cada vez máis danado, especialmente na Avenida de Nostián, “onde xa hai puntos nos que se está afundindo o firme”.
En 2024, o alcalde Carlos Calvelo solicitou tempo para actuar, recoñecendo a gravidade dos problemas, lembra martín Seco, .”porén meses despois non hai ningunha actuación prevista nin executada, a pesar de que os problemas se agravan día a día como na Avenida de Borroa con desprendementos nunha estreita vía poucos días despois dos desbroces”.
“O grupo do goberno do PP de Arteixo ven de aprobar un novo modificado de crédito con inversións por valor de 6,5 millóns de euros, 4 meses despois dun orzamento con máis de 20 millóns de euros en inversións” explica Seco e pregunta se “non será máis urxente ter unha rúa co ancho necesario, e cun bo pavimento para a seguridade da cidadanía que moitas outras actuacións que non corren presa. Para o goberno de Arteixo é a veciñanza de Borroa xente de segunda que non merece ter uns servizos básicos decentes?”
Desde o Grupo Municipal Socialista de Arteixo esixen ao goberno local que cumpra co acordado no pleno e que, de inmediato, habilite unha partida específica para:
• A renovación urxente do tramo de canalización de auga en mal estado na Avenida de Borroa.
• A reparación e mellora do pavimento da mesma rúa, en estado claramente intransitable.
“Non pode ser que se anuncien grandes investimentos mentres barrios enteiros como Borroa quedan esquecidos. As promesas deben transformarse en feitos, e máis cando se trata de cuestións básicas como a seguridade, a mobilidade e a salubridade”, sinala o concelleiro socialista.
O PSOE de Arteixo reitera o seu compromiso coa veciñanza e anuncia que seguirá insistindo ata que se acometan as melloras que Borroa leva anos esperando.