O PSOE de Arteixo reclama máis apoio municipal para garantir a continuidade do musical do IES Manuel Murguía

Os socialistas propoñen reforzar a colaboración co centro para manter viva unha das iniciativas culturais e xuvenís máis exitosas do concello.

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo demanda ao goberno local maior implicación e apoio ao musical que cada ano organiza o IES Manuel Murguía, unha actividade consolidada como referente cultural e xuvenil no municipio e que mobiliza a centos de persoas entre alumnado, profesorado, familias e público en xeral.

Durante máis dunha década, este musical vén demostrando a súa capacidade para activar a creatividade e o compromiso da mocidade arteixá, con funcións abarrotadas e un fondo carácter solidario. Só na edición de 2025, máis de 300 persoas estiveron implicadas no proxecto, cun éxito rotundo de participación e recadación.

“Con todo, o entusiasmo que rodea esta iniciativa podería verse truncado pola falta de apoio institucionalsegundo trasladaron membros da comunidade educativa, que alertan de dificultades para acceder ao auditorio do centro cívico municipal”, explica o portavoz socialista, Martín Seco quen sinala que ese é un “espazo esencial” para a representación do espectáculo.

Ante esta situación, os socialistas de Arteixo rogan ao goberno local que actúe de forma inmediata para garantir que o musical continúe realizándose e medre nos vindeiros anos. En concreto, solicitan que o Concello abra un diálogo coa comunidade educativa do IES Manuel Murguía para garantir a dispoñibilidade de espazos públicos e colaboración loxístic así como darle unha maior dimensión a unha extraordinaria iniciativa da comunidade educativa arteixá.

“O musical do IES Murguía é un exemplo claro de como, con vontade e colaboración, podemos ofrecer alternativas enriquecedoras á mocidade. Non podemos permitir que se apague por desinterese institucional”, afirma Seco.

O PSOE de Arteixo reitera o seu compromiso con todas as iniciativas que favorezan a participación, a educación en valores e a dinamización da vida cultural do concello, especialmente da man da mocidade.

Siguiente
Siguiente

O PSOE de Arteixo alerta do grave perigo por derrubamentos na Avenida de Borroa