Os socialistas de Arteixo presentan unha moción institucional en defensa dos dereitos humanos e o cesamento da violencia en Gaza
O PSOE insta a todas as institucións, incluída a Unión Europea, a actuar para deter a catástrofe humanitaria e garantir a protección da poboación civil
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo ven de presentar unha moción na que solicita o apoio institucional a unha serie de medidas urxentes para poñer fin á catástrofe humanitaria que vive a poboación palestina na Franxa de Gaza e demandar o cumprimento do dereito internacional humanitario por todas as partes implicadas no conflito.
A moción fai un chamamento claro e firme a todas as institucións, tanto a nivel nacional como europeo e internacional, para promover un cesamento do fogo inmediato entre Israel e Hamas, garantir a protección da poboación civil e facilitar a entrada urxente de axuda humanitaria.
O portavoz socialista, Martín Seco, denuncia que, tras máis dun ano de violencia extrema, “Gaza está sumida nunha destrución sen precedentes”, con máis de 1,9 millóns de persoas desprazadas, decenas de miles de vítimas mortais e unha infraestrutura civil devastada. A situación, sinala, “é insostible e vulnera gravemente os dereitos humanos e as normas básicas do dereito internacional”.
Na moción os socialistas tamén solicitan que Israel cese de inmediato as accións que poderían constituír actos de xenocidio, e que se levante o bloqueo ilegal a Gaza, se garantan vías seguras para a entrada de axuda humanitaria e se poña fin á ocupación do Territorio Palestino ocupado.
Ao mesmo tempo, a iniciativa socialista pide a liberación inmediata de reféns civís por parte de Hamas e das persoas detidas arbitrariamente por Israel, subliñando que a protección da poboación civil debe estar por riba de calquera cálculo político ou militar.
Por último, a moción insta á Unión Europea a actuar con responsabilidade e firmeza, suspendendo o envío de armas a todas as partes implicadas, colaborando cos mecanismos internacionais de investigación e opoñénndose frontalmente a calquera intento de alterar as fronteiras ou expulsar á poboación palestina, o que constituiría un crime de guerra.
Desde o Grupo Municipal Socialista de Arteixo lembran que “non pode haber paz sen xustiza”, e Martín Seco insiste en que “os concellos tamén teñen a responsabilidade de alzar a voz ante as inxustizas e en defensa da legalidade internacional e dos dereitos humanos”.