O PSOE de Arteixo apoia as medidas do Goberno de España en materia de vivenda e propón elaborar un Plan de Vivenda Municipal para mobilizar a vivenda baleira

Martín Seco: “É urxente garantir vivenda digna e accesible en Arteixo: esiximos á Xunta máis investimento e ao concello accións concretas xa”

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo amosa o seu apoio firme ás novas medidas propostas polo Goberno de España para afrontar a emerxencia habitacional, nunca moción que presenta no pleno de xuño, ao tempo que propón a elaboración dun Plan de Vivenda Municipal co obxectivo de mobilizar a numerosa vivenda baleira existente no municipio e facilitar o acceso a alugueiros a prezo razoable para a veciñanza.

O portavoz do grupo municipal socialista, Martín Seco, lembra que “a vivenda é un dereito constitucional” e unha necesidade social básica que se atopa actualmente “en situación crítica, sobre todo para a mocidade e as familias traballadoras”, debido ao encarecemento dos prezos, á escasa oferta de alugueiro e á ausencia de política pública efectiva a nivel autonómico e local.

Seco sinala que o Goberno central puxo enriba da mesa na Conferencia de Presidentes un novo Acordo Estatal de Vivenda que multiplica por tres o investimento actual, aposta por crear vivenda social de protección permanente, blindar o parque público, garantir a transparencia dos prezos e activar políticas públicas reais. Porén, denuncian que a Xunta de Galicia segue sen aplicar a Lei de Vivenda, sen aceptar os fondos estatais nin declarar zonas tensionadas onde aplicar os mecanismos de control previstos na lei.

No caso de Arteixo, a situación é especialmente grave. “Estamos nun concello con presión industrial e metropolitana, con centos de vivendas baleiras e sen acceso razoable para a veciñanza, mentres o goberno local non actúa, non aplica a Lei de Vivenda e continúa prometendo proxectos que nunca chegan”, explican o concelleiro socialista. 

Por iso, o PSOE de Arteixo propón:

  1. Apoiar as medidas do Goberno de España, que representan un cambio estrutural e xusto na política de vivenda.

  2. Instar á Xunta a aumentar o seu financiamento ata un 40% no novo Plan Estatal de Vivenda e aplicar sen demoras a nova lexislación.

  3. Modificar a normativa galega para blindar o parque público e impedir a descualificación de vivendas con fondos públicos.

  4. Elaborar un estudo que analice os prezos e a capacidade económica da veciñanza, e declarar Arteixo como zona de mercado residencial tensionado se se cumpren os requisitos legais.

  5. Construír vivenda pública con urxencia tanto nas parcelas previstas como na Penouqueira.

  6. Poñer en marcha un Plan Municipal de Vivenda para mobilizar vivenda baleira, con garantías e incentivos para os propietarios e alugueiros accesibles para a cidadanía.

  7. Instar á Xunta a crear unha base de datos de prezos compartida co Estado e a colaborar na xestión áxil dos fondos públicos.

“O acceso á vivenda non pode depender de ideoloxías nin de cálculos partidistas. A cidadanía necesita solucións e os concellos debemos actuar coa responsabilidade que nos corresponde. En Arteixo temos capacidade para facer máis e mellor, e desde o PSOE poñemos propostas concretas enriba da mesa”, conclúe Martín Seco.

Siguiente
Siguiente

O PSOE de Arteixo reclama unha mellor xestión do servizo de recollida de lixo e transparencia na reorganización do persoal