O PSOE de Arteixo reclama unha mellor xestión do servizo de recollida de lixo e transparencia na reorganización do persoal
Os socialistas denuncian a falta de diálogo co cadro de persoal, a escaseza de traballadores e o uso de persoal de SUMARTE sen explicación legal clara
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo insiste na necesidade de reorganizar e mellorar a xestión do servizo de recollida de residuos, tras detectar numerosas deficiencias que afectan tanto á calidade do servizo como ás condicións laborais do seu persoal.
Os socialistas puxeron de manifesto en plenos anteriores os problemas recollidos no informe do propio capataz do servizo, así como numerosas probas visuais que evidencian deficiencias na planificación, cobertura e atención cidadá. O portavoz do grupo municipal socialista, Martín Seco, denuncia que a pesar destas evidenciaa, “o goberno local do PP elude responsabilidades e carga toda a culpa sobre os traballadores”, sen asumir que “a súa incapacidade de diálogo está a agravar unha situación xa preocupante”.
O PSOE considera inadmisible que, ante a alarmante falta de persoal no servizo de recollida, o goberno local estea a desviar persoal da empresa pública SUMARTE, adscrito á limpeza viaria, para cubrir a recollida de lixo, creando tamén problemas na limpeza das rúas, como quedou patente durante a recente Festa das Flores, “cando a media mañá o centro do concello estaba cheo de cristais e obxectos perigosos sen brigadas suficientes para actuar”.
Ademais, os socialistas arteixáns amosan a súa preocupación por “non coñecer o mecanismo legal exacto” polo cal se está a empregar persoal dunha empresa pública como SUMARTE para realizar funcións propias de persoal laboral do concello.
Seco sinala que esta medida xera dúbidas legais sobre o procedemento seguido, porque “podería supoñer irregularidades legais se non se actúa con total transparencia e axuste normativo” así como sobre a compatibilidade de funcións entre distintas áreas e empresas.
Ante esta situación os socialistas demandan coñecer cal é o estado actual das negociacións co persoal de recollida de residuos, a situación do cadro de persoal de limpeza e que fórmula legal se empregou para asignar persoal de SUMARTE ao servizo de recollida de lixo.
Desde o PSdeG-PSOE insisten en que a cidadanía merece un servizo de calidade e os traballadores unhas condicións laborais dignas, e que “o diálogo e a planificación deben ser ferramentas fundamentais dun goberno municipal responsable e eficaz” remata Seco.