O PSOE de Arteixo propón destinar a gasto social os máis de 670.000 euros que o PP pretende gastar en publicidade institucional
Os socialistas presentan unha moción para frear a licitación dun contrato de publicidade de 673.000 euros e reclaman que eses fondos se destinen a políticas sociais, vivenda e servizos públicos prioritarios
Martín Seco: “O que necesita Arteixo é máis vivenda asequible, máis servizos públicos e máis apoio á xente, non máis propaganda partidista pagada cos cartos de todos”
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo levará ao pleno deste xoves unha moción para esixir ao goberno local do PP que renuncie á licitación do contrato denominado “Plan de medios e difusión publicitaria das campañas de publicidade e comunicación institucional e outras accións comunicativas do Concello de Arteixo”, cun orzamento base de 673.137,06 euros entre os anos 2025 e 2027 repartidos nas seguintes anualidades:
2025: 116.058,11 €
2026: 278.539,47 €
2027: 278.539,47 €
A esta contía hai que sumar os máis de 125.000 euros anuais que o Concello inviste xa en persoal vinculado á comunicación institucional: un asesor externo (xornalista) cun custe anual de 76.454,28 euros e un traballador público para edición de contidos cun custe de 49.240,14 euros.
Entre ambos conceptos, o PP prevé gastar máis de 1 millón de euros ata final de mandato en comunicación institucional, nun contexto no que moitas necesidades sociais e de vivenda seguen sen resposta.
O portavoz de gurpo municipal socialista, Martín Seco, denuncia que “o Concello conta con persoal suficiente para elaborar campañas informativas. Este gasto desmesurado en publicidade responde a intereses partidistas e non ao interese xeral da veciñanza”
Desde o grupo socialista propoñen destinar eses recursos a programas de vivenda, reforzar servizos sociais e dinamizar vida social e cultural do concello, “en lugar de reforzar o aparato propagandístico do goberno local”.
A moción que se debaterá no pleno solicita:
A renuncia inmediata ao contrato de publicidade institucional
A reorientación dos fondos a políticas públicas que beneficien directamente á veciñanza
“O que necesita Arteixo é máis vivenda asequible, máis servizos públicos e máis apoio á xente, non máis propaganda partidista pagada cos cartos de todos”, conclúe Martín Seco