O PSOE de Arteixo cuestiona a externalización da información turística mentres o Concello mantén pechada a súa oficina municipal
Os socialistas denuncian a falta dun proxecto turístico serio e reclaman recursos propios para poñer en valor o patrimonio histórico e natural do municipio durante todo o ano
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo solicitou ao goberno local esclarecer os motivos polos que o Concello decide externalizar o punto de información turística a unha entidade privada mentres mantén pechada a Oficina Municipal de Turismo durante a maior parte do ano.
Xa no mes de abril de 2025, o PSOE preguntara no pleno polas políticas turísticas desenvolvidas polo goberno local e pola necesidade de garantir a apertura anual da oficina de información turística. Naquel momento, a resposta do executivo non incluíu ningún compromiso firme para asumir con fondos propios a súa apertura permanente, limitándose a anunciar a contratación dun técnico de museos subvencionado, nun concello que carece de museos con exposicións propias.
O portavoz socialista, Martín Seco, lembra que Arteixo, aínda sendo coñecido principalmente pola súa actividade industrial, conta cun importante patrimonio histórico e natural que merece ser impulsado desde a administración local para fomentar un turismo de calidade, capaz de dinamizar o comercio e a hostalaría do municipio.
Porén, os socialistas denuncian que desde a chegada de Carlos Calvelo á alcaldía no ano 2011 se sucederon anuncios e actuacións sen resultados efectivos: un proxecto de turismo industrial que nunca se materializou, unha oficina de turismo pechada case todo o ano á espera de subvencións doutras administracións, ou a presenza de bandeiras azuis en areais con carencias de servizos, problemas de contaminación das augas e mobiliario en mal estado.
Esta situación, segundo o PSOE, agrávase coa análise dos orzamentos municipais de 2026, nos que o goberno local semella renunciar definitivamente á reapertura da oficina de turismo municipal e opta por asinar un convenio cunha entidade privada, a Fundación Jorge Jove, para instalar un punto de información turística permanente no Museo da Automoción e Historia, situado no polígono de Sabón, cunha subvención nominal de 10.000 euros anuais.
Por todo isto, o Grupo Municipal Socialista quere saber cal é o motivo real para externalizar o servizo de información turística do Concello de Arteixo a unha entidade privada, mentres a oficina municipal permanece pechada, e reclama unha política turística coherente, con recursos propios e pensada para o interese xeral da veciñanza.

