O PSOE de Arteixo denuncia que o Concello gastou 10.000 euros en ágapes de Nadal mentres un veciño dorme nunha marquesiña

Os socialistas cuestionan as prioridades do goberno local e reclaman solucións habitacionais urxentes fronte ao uso partidista de fondos públicos

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo denunciou no pleno de decembro o uso de fondos municipais para financiar ágapes de Nadal organizados polo Partido Popular nos centros cívicos e sociais do concello, unha práctica que consideran unha campaña electoral encuberta pagada cos cartos de toda a veciñanza.

Segundo confirmou o propio goberno local en resposta a unha pregunta do PSOE, o custo destes actos durante o Nadal de 2025 ascendeu a 10.000 euros, que se suman aos 25.000 euros gastados en 2024 en iniciativas semellantes. Trátase de encontros nos que, segundo os socialistas, “só participan concelleiros e concelleiras do PP, con pinchos e bebidas servidos por unha empresa de catering e presentados como actos institucionais cando teñen un evidente contido partidista”.

Dende o PSdeG-PSOE de Arteixo consideran especialmente grave este gasto nun contexto de emerxencia social, despois de terse coñecido que un veciño do concello está a durmir nunha marquesiña de autobús na Catuxa, sen que o Concello lle ofrecese ata o momento unha alternativa habitacional.

“O problema non é só canto se gasta, senón en que se gasta”, sinala Martín Seco, portavoz do grupo socialista, que lle demanda ao goberno local coñecer onde están as solucións habitacionais do Concello para as persoas que o precisan e que considera prioritario a Concellería de Servizos Sociais: “gastar miles de euros en pinchos de Nadal ou dar protección á veciñanza en situación de exclusión?”

Os socialistas reclaman un cambio inmediato de prioridades, apostando por políticas sociais reais, recursos de emerxencia habitacional e unha xestión responsable do diñeiro público, porque, afirman, “gobernar non é convidar a merendas, senón dar solucións a quen máis o necesita”.

Siguiente
Siguiente

O PSOE de Arteixo denuncia a deriva autoritaria do goberno local e esixe recuperar a calidade democrática no Concello