O PSOE de Arteixo denuncia a falla de valentía do PP sobre o xenocidio en Gaza e a convocatoria sen tempo da concentración solicitada pola FEGAMP a semana pasada

Os socialistas presentan unha moción de urxencia para que Arteixo se sume á condena internacional ao xenocidio en Gaza cunha concentración convocada en tempo e forma para a participación da veciñanza

 O Grupo Municipal Socialista de Arteixo ven de presentar unha moción de urxencia para que o concello se posicione con claridade ante a crise humanitaria que se vive en Gaza e se sume á chamada da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para condenar o xenocidio e expresar solidariedade co pobo palestino.

Os socialistas denuncian que o goberno local do PP non convocou a concentración de tres minutos de silencio celebrada en toda Galicia o xoves ata tres horas antes da celebración, “deixando a veciñanza sen tempo de participar nun xesto institucional de solidariedade promovido desde a FEGAMP e asumido pola inmensa maioría dos concellos galegos”.

O voceiro socialista, Martín Seco, criticou a “convocatoria calculada” do PP de Arteixo, para que a cidadanía non tivese tempo a acudir, pese a que os socialistas preguntaron ao goberno local pola falla de convocatoria o día anterior “deixando que pasara inadvertido un tema que a cidadanía está a poñer en primeira liña das suas preocupacións” e ocultando a “dobre mensaxe” do PP, na que dirixentes como Ayuso e Aznar se posicionan a favor dun dos maiores dramas humanitarios da nosa época. 

“Non é momento de medias tintas nin de mirar para outro lado. O noso concello debe ser claro na condena ao xenocidio e dar un firme apoio ás medidas adoptadas polo Goberno de España para deter a violencia, protexer a poboación civil e avanzar na solución de dous Estados” afirma Seco e considera que se debe convocar “unha nova concentración co tempo suficiente para que a veciñanza se exprese libremente”.

A moción socialista lembra as cifras estremecedoras do conflito: máis de 65.000 mortos en Gaza, 18.500 deles nenos e nenas, dous millóns de desprazados e unha fame utilizada como arma de guerra. O texto propón que o Concello de Arteixo condene con rotundidade os crimes contra a humanidade cometidos polo goberno israelí, esixa o alto o fogo inmediato e recoñeza o Estado de Palestina, en liña coa posición expresada polo Goberno de España, pola ONU e pola Unión Europea.

“Arteixo non pode quedar en silencio nin á marxe. Temos a obriga moral e democrática de sumarnos a quen defende a paz, a legalidade internacional e os dereitos humanos”, concluiu Seco.

O Grupo Socialista no concello de Arteixo solicita na moción:

1. Respaldar a posición do Goberno de España en defensa da paz, asresolucións da ONU sobre a solución de dous Estados e o respecto ao Dereito Internacional Humanitario, recoñecendo a Palestina como Estado.

2. Reiterar a absoluta condena ao xenocidio e á ocupación ilegal de Israel en Gaza e Cisxordania, defendendo as resolucións das Nacións Unidas e as fronteiras do 67.

3. Esixir ao Goberno de Israel activamente o alto o fogo inmediato e permanente.

4. Expresar apoio incondicional á liberación de todos os reféns e mostrar solidariedade coa sociedade civil democrática israelí que se manifesta en contra das accións do seu Goberno en Gaza.

5. Condenar enerxicamente todos os actos terroristas perpetrados por Hamas, incluídos os atentados do 7 de outubro de 2023 en Israel.

6. Apoiar as nove medidas anunciadas polo presidente do Goberno e o ministro de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, no marco do Consello de Ministros, que constitúen un paquete pioneiro de accións para deter o xenocidio en Gaza, perseguir aos seus responsables e apoiar á poboación palestina.

7. Manifestar o seu apoio ás conclusións e recomendacións da Comisión Internacional Independente de Investigación sobre os territorios palestinos ocupados, establecida polo Consello de Dereitos Humanos da ONU, que denuncia a comisión de actos xenocidas en Gaza e reclama a adopción de medidas inmediatas para protexer a poboación civil e garantir o cumprimento do Dereito Internacional.

8. Apoiar as iniciativas e medidas adoptadas pola Unión Europea en defensa do Dereito Internacional Humanitario, a protección da poboación civil palestina e a promoción da paz e da solución de dous Estados.

9. Reiterar o apoio da Unión Europea e a Liga Árabe á Declaración de Nova York, adoptada na conferencia internacional da ONU presidida por Francia e Arabia Saudita, en favor da solución de dous Estados, instando a Hamas a desarmarse e entregar o control de Gaza á Autoridade Palestina baixo supervisión internacional.

10. Reclamar o acceso completo, seguro e sen restricións da axuda humanitaria á poboación palestina, conforme aos principios de imparcialidade, independencia e neutralidade, e rexeitar o uso da asistencia humanitaria como instrumento de guerra.

11. Manifestar o compromiso deste concello coa solución de dous Estados, coa legalidade internacional, a defensa dos dereitos humanos e a paz, así como a súa solidariedade co pobo palestino, especialmente con quen foron vítimas directas da violencia, do desprazamento forzoso ou da destrución dos seus fogares e infraestruturas.

12. Convocar en acordo con todos os grupos da corporación, con tempo suficiente para a participación da veciñanza arteixá, unha concentración de apoio ao pobo palestino e pedindo o cese do xenocidio que está a cometer o estado israelí en Gaza.

13. Dar traslado do presente acordo ao Presidente do Goberno, ao Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, aos voceiros dos grupos parlamentarios do Congreso e do Senado, ao Parlamento Europeo, á Embaixada do Estado de Palestina en España e ás Federacións Galega e Española de Municipios e Provincias (FEGAMP e FEMP).

Siguiente
Siguiente

Os socialistas de Arteixo piden ao pleno unha condena firme contra os ataques ás sedes políticas e os discursos de odio