O PSOE de Arteixo leva ao pleno unha moción en apoio á redución da xornada laboral a 37,5 horas semanais

Os socialistas reclaman que o Concello se sume á defensa dun dereito que mellorará a conciliación, a saúde laboral e a produtividade, fronte á negativa do PP, VOX e Junts no Congreso

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo presenta no pleno deste mes unha moción en defensa da redución da xornada laboral a 37,5 horas semanais, unha medida que consideran “un avance histórico en dereitos laborais e sociais, necesario para mellorar a conciliación, a saúde laboral e o benestar da cidadanía”.

O portavoz socialista, Martín Seco, lembra que a proposta foi bloqueada recentemente no Congreso polo PP, VOX e Junts, que nin sequera permitiron a súa tramitación, deixando de lado as reivindicacións de máis de 12 millóns de traballadores e traballadoras. “Non se trata só dunha conquista do movemento obreiro, senón dunha necesidade real para adecuar o mundo laboral ao século XXI e ás transformacións tecnolóxicas e produtivas que xa permiten unha maior eficiencia”, sinala.

Seco destaca que esta redución de xornada xa é unha realidade en sectores como a educación, a administración pública ou os servizos financeiros, e que “non hai evidencias de perda de produtividade, senón todo o contrario: traballar menos horas fai que se traballe mellor e que aumente o rendemento por persoa”.

A moción insta ao pleno de Arteixo a apoiar a tramitación lexislativa da redución da xornada a 37,5 horas e a trasladar o acordo a todos os grupos con representación no Congreso dos Deputados para que “escoiten o clamor social e dean un paso adiante na construción dunha sociedade máis xusta e equilibrada”.

Siguiente
Siguiente

O PSOE de Arteixo denuncia a falla de valentía do PP sobre o xenocidio en Gaza e a convocatoria sen tempo da concentración solicitada pola FEGAMP a semana pasada