O PSOE de Arteixo denuncia a pasividade do goberno local ante o peche da Escola Unitaria da Lagoa tras investir máis de 600.000 euros na súa reforma
Os socialistas reclaman iniciativas para garantir a continuidade das escolas rurais no municipio
O Grupo Municipal Socialista denuncia a falta de iniciativa e planificación do goberno local ante o inminente peche da Escola Unitaria de A Lagoa, un dos sete centros educativos que a Xunta de Galicia clausurará no curso 2025-2026 por ter menos de cinco alumnos/as.
O portavoz do Grupo Municipal Socialista de Arteixo, Martín Seco, lembra que, hai menos de cinco anos, se investíron “máis de 600.000 euros de fondos públicos na rehabilitación desta escola, o que fai aínda máis incomprensible que non se impulsara ningunha medida para garantir a súa continuidade”.
Seco sinala que outros concellos estan a poñer en marcha campañas para atraer alumnado e manter vivas as súas escolas unitarias, pero denuncia que en Arteixo, “mentres se reformaban os centros, o goberno local non fixo nada para asegurar a súa actividade”.
Os socialistas arteixáns defenden o modelo de escola unitaria como “unha ferramenta para fixar poboación no rural e garantir unha educación de proximidade e personalizada”, ao tempo que desconxestiona os centros saturados dos núcleos urbanos. Alertan tamén de que o futuro doutras escolas como as de Larín ou Rorís podería estar en risco sen unha estratexia clara.
Por iso, no vindeiro pleno municipal, o Grupo Socialista preguntará ao goberno local se fixo algo para evitar o peche da Escola de A Lagoa e cal foi a planificación tras investir máis de 600.000 euros para rematar agora coa súa actividade.
“Esiximos que se poñan en marcha medidas urxentes e campañas reais para frear o desmantelamento da educación pública no rural, e que non se perda unha infraestrutura recentemente renovada pagada cos impostos da veciñanza” remata Seco.