O PSOE de Arteixo denuncia que a nova ordenanza do taxi nace sen garantías de mellora do servizo nin diálogo previo

Os socialistas opinan que nada se soluciona á marxe das asociacións do sector e dubidan de que o novo texto resolva a falta de taxis nas noites e fins de semana

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo levou ao pleno de febreiro unha serie de preguntas sobre a nova “Ordenanza Municipal Reguladora dos Servizos de Transporte Público de Persoas en Vehículos de Turismo (Taxis)”, aprobada inicialmente polo goberno local e publicada no BOP o pasado 6 de febreiro, abrindo un prazo de alegacións de 30 días hábiles.

Desde o PSOE amosan a súa preocupación polo feito de que a redacción desta nova ordenanza non fose previamente debatida co sector. Segundo explican, cando tiveron coñecemento do documento contactaron con representantes dos taxistas, que manifestaron descoñecer o contido da proposta. Incluso, segundo sinalan os socialistas, a directiva da Asociación de Taxistas Santa Eufemia confirmou que non fora convocada nin consultada durante a fase previa á aprobación inicial.

O portavoz socialista, Martín Seco, sinala que existen múltiples queixas entre os usuarios e usuarias do servizo, que denuncian a dificultade para atopar taxi nas noites e fins de semana, a insuficiencia de vehículos adaptados e outras carencias. Ao mesmo tempo, os socialistas tamén son coñecedores das demandas dos propios profesionais, que reclaman maior axilidade na tramitación administrativa (con expedientes que poden tardar entre seis meses e un ano en resolverse), melloras nas infraestruturas das paradas municipais e máis apoio ao sector.

Para o PSOE, a elaboración dunha nova ordenanza debería ter servido como oportunidade para analizar en profundidade estas problemáticas e procurar acordos que dean resposta real ás necesidades tanto da veciñanza como dos taxistas. “A cidadanía espera solucións eficaces e un servizo público que funcione, non un documento aprobado sen consenso que non garante melloras efectivas”, explica Seco.

Desde o Grupo Municipal Socialista sinalan que, “o lóxico tería sido abrir ese diálogo antes de redactar e aprobar inicialmente o texto, co fin de incorporar as achegas do sector desde o inicio e garantir que a nova normativa dea resposta real ás necesidades tanto dos profesionais como da veciñanza” remata Martín Seco.

Siguiente
Siguiente

O PSOE de Arteixo propón un plan de choque urxente para frear o deterioro das estradas municipais