Os socialistas de Arteixo reclaman un Plan de Recuperación e Mantemento das fontes e lavadoiros do municipio

O PSOE denuncia o deterioro destas infraestruturas tradicionais e piden un inventario actualizado e actuacións urxentes en varios puntos

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo presentará no pleno un rogo para que o goberno local poña en marcha un Plan de Recuperación e un Plan Anual de Mantemento das fontes e lavadoiros públicos, elementos patrimoniais e sociais de gran valor para a veciñanza.

Segundo lembra o voceiro socialista, Martín Seco, en 2011 “o propio PP anunciou unha iniciativa para rehabilitar as máis de cen fontes e lavadoiros repartidos polas trece parroquias do concello”, con fichas de inventariado e criterios comúns de conservación. “Catorce anos despois, esa planificación quedou nunha declaración de intencións, e moitas destas infraestruturas atópanse nun estado de abandono inaceptable”, afirma.

O grupo socialista recolleu recentemente queixas veciñais polo deterioro e falta de mantemento de varios puntos concretos: o lavadoiro e fonte de Oseiro no camiño a Rañobre, o lavadoiro de Lañas de Abaixo, o de Baer e o de Armentón en Rorís.

“O patrimonio local tamén son estes espazos que foron lugares de encontro, e é responsabilidade do concello conservalos e poñelos en valor”, concluíu Seco, reclamando que se actúe con urxencia tanto na recuperación dos elementos máis danados como no establecemento dun sistema de mantemento anual.

Siguiente
Siguiente

O PSOE de Arteixo esixe ao goberno local avances reais no PXOM e nos deslindes con A Coruña e Culleredo