O PSOE esixe ao goberno local de Arteixo que cumpra o acordo plenario de 2022 e poña en marcha o método CER para xestionar as colonias felinas

Os socialistas lembran que, tres anos despois de aprobarse por unanimidade a implantación deste sistema ético e efectivo, o Concello segue sen actuar mentres outras localidades galegas xa o aplican con éxito

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo denuncia a inacción do goberno local ante o compromiso adquirido no pleno de agosto de 2022 para poñer en marcha un sistema CER (Captura, Esterilización e Retorno) que permita unha xestión ética, sostible e efectiva das colonias felinas do municipio.

O voceiro socialista, Martín Seco, lembra que este método, avalado pola Lei de Benestar Animal e implantado con éxito en concellos como Ares, Miño, Ames ou Santiago, é a única vía científica e ética para controlar a poboación felina, mellorar o benestar dos animais, reducir conflitos veciñais e previr problemas de saúde pública.

“Temos protectoras como Marea Felina, clínicas veterinarias colaboradoras e veciñanza disposta a ser voluntaria. O que falta é vontade política para coordinar os recursos e activar o plan aprobado por unanimidade”, sinala Seco, quen tamén lembra que existen axudas estatais de ata 97.500 euros para o control poboacional destas colonias.

O PSOE de Arteixo insta ao goberno local a cumprir o mandato plenario e a deixar de adiar unha medida que beneficiaría tanto á convivencia cidadá como ao equilibrio ecolóxico do municipio.

Siguiente
Siguiente

Os socialistas de Arteixo reclaman un Plan de Recuperación e Mantemento das fontes e lavadoiros do municipio