Os socialistas de Arteixo alertan da inseguridade no entorno da muralla da igrexa de Oseiro

O PSOE denuncia o abandono de espazos públicos e reclama actuacións urxentes por seguridade na muralla da igrexa de Oseiro e solucións reais á falta de aparcamento no centro de Arteixo mentres hai solares sen acondicionar

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo levou ao pleno de decembro dous rogos centrados na falta de mantemento e na inacción do goberno local ante problemas que afectan directamente á seguridade e á vida diaria da veciñanza, na parroquia de Oseiro e sobre o mal estado de solares baleiros no centro urbano do concello.

Nun dos rogos presentados, os socialistas fixéronse eco da preocupación da veciñanza de Oseiro polo mal estado da muralla da igrexa parroquial, especialmente no tramo do camiño que conecta co centro cívico. Segundo denuncian os veciños e veciñas, “a muralla e a verxa de ferro do adro presentan signos evidentes de deterioro, con desprendementos de terra cada vez máis frecuentes”, o que xera un risco real para as persoas que transitan pola zona, tanto a pé como en vehículo.

O portavoz socialista, Martín Seco, advirte que “o máis grave é que falamos dun camiño moi utilizado e dunha situación que pode derivar nun accidente se non se actúa con rapidez”, ae instou ao goberno local a intervir de inmediato para garantir a seguridade da veciñanza de Oseiro.

SEN NOTICIAS DO “ESPONXAMENTO DE ESPAZOS PÚBLICOS” NO CENTRO DE ARTEIXO

Outro dos rogos presentado centrouse na falta de avances no programa municipal para habilitar solares urbanos como aparcamentos públicos, anunciado polo goberno local no ano 2021 baixo o nome de “Esponxamento de espazos públicos”. A pesar das promesas realizadas e dalgunhas actuacións puntuais noutras zonas do concello, o PSOE denuncia que no centro de Arteixo, onde máis se necesitan prazas de estacionamento, non se avanzou practicamente nada”.

Os socialistas lembran que existen numerosos solares baleiros utilizados de feito como aparcamento, pero “en condicións lamentables, converténdose en lameiras cando chove e xerando problemas tanto para condutores como para peóns”, ademais de prexudicar á actividade comercial e hostaleira da zona.

Por todo iso, o Grupo Municipal Socialista reclamou ao goberno local que cumpra coas súas promesas, impulse de verdade a creación de prazas de aparcamento dignas no centro urbano e obrigue a manter en bo estado os solares baleiros que se están a usar como estacionamento, evitando que as rúas de Arteixo sigan degradándose pola falta de actuación municipal.

Anterior
Anterior

O PSOE de Arteixo propón un plan municipal ambicioso para revitalizar o comercio de proximidade

Siguiente
Siguiente

O PSOE de Arteixo esixe garantir un abastecemento de auga digno no barrio de Montepequeno