O PSOE de Arteixo esixe o cumprimento da moción socialista aprobada en 2021 para erradicar as especies invasoras como a herba da pampa

Os socialistas denuncian cinco anos de inacción do goberno local ante un problema ambiental crecente e critican a falla de dirección política no departamento de Medio Ambiente

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo esixe ao goberno do Partido Popular o cumprimento da moción socialista aprobada por unanimidade en setembro de 2021, que instaba á elaboración dun Plan de erradicación de especies invasoras e á súa posta en marcha coa participación da cidadanía.

O portavoz do grupo municipal socialista, Martín Seco, lembra que naquela iniciativa xa advertiran da proliferación de plantas e animais invasores no termo municipal, como a herba da pampa (Cortadeira selloana), a unlla de gato, ou as colonias de cangrexos e sapoconchos americanos, que supoñen unha ameaza real para os ecosistemas autóctonos.

Os socialistas indican que “cinco anos despois, non se elaborou o plan nin se puxo en marcha ningunha medida efectiva, e a situación agravouse notablemente”. A herba da pampa —unha especie altamente invasora e de difícil control— está xa presente en amplas zonas do concello, especialmente na parte norte, converténdose nun problema ambiental de primeiro nivel ante a total falta de actuación municipal.

“Unha vez máis, o goberno de Carlos Calvelo vota a favor dunha iniciativa socialista para logo gardala nun caixón nada máis saír do pleno”, lamenta o voceiro socialista, quen acusa ao executivo local de “burlarse da democracia e desentenderse das súas obrigas políticas”.

Seco tamén critica a falla de dirección e xestión no departamento de Medio Ambiente, un feito que xa motivou recentemente unha moción de toda a oposición pedindo a dimisión do concelleiro responsable:

“Arteixo necesita un departamento de Medio Ambiente que funcione, con dirección política real e capacidade de actuación. Non podemos permitir que quen cobra unha dedicación exclusiva se limite a mirar para outro lado mentres o problema medra ata converterse nunha crise ambiental”, engadiu.

O PSOE de Arteixo lembra que o municipio dispón de recursos e capacidade económica para actuar, pero falta vontade política e planificación, mentres a presenza de especies invasoras continúa expandíndose, afectando tanto á biodiversidade como á imaxe e ao equilibrio ambiental do territorio.

Anterior
Anterior

O PSOE de Arteixo reclama ao PP que cumpra o compromiso de construír a “Casa das Artes” no desenrolo da unidade de actuación 5 

Siguiente
Siguiente

Os socialistas de Arteixo esixen paralizar a suba do 28% na taxa do lixo ata que o PP cumpra cos programas ambientais prometidos