Os socialistas de Arteixo esixen paralizar a suba do 28% na taxa do lixo ata que o PP cumpra cos programas ambientais prometidos
Denuncian que un ano despois da aprobación da nova ordenanza, o goberno local non puxo en marcha nin un só dos programas de bonificación ambiental comprometidos, facendo que a veciñanza pague máis sen recibir mellores servizos
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo presentará no pleno de outubro unha moción para paralizar a suba do 28% na taxa do lixo aprobada polo Partido Popular o pasado ano, ata que o goberno local cumpra coa implantación dos programas de incentivo ambiental que prometera á veciñanza e ás actividades económicas do concello.
A subida da taxa dunha vivenda tipo de 49,63 euros a 63,54 euros semestrais, debía ir acompañada de bonificacións de ata o 15% para fogares que participasen en programas de compostaxe ou separación de fracción orgánica, e de entre o 5% e o 12% para comercios que se implicasen en accións de reciclaxe e sustentabilidade. “Porén, un ano despois da aprobación da ordenanza, nada se fixo”, afirma o portavoz socialista, Martín Seco,”non hai programas en marcha, non hai campaña informativa e a cidadanía descoñece totalmente como participar neles”.
“O PP de Arteixo vai facer que a veciñanza pague case un 30% máis polo lixo sen recibir ningún beneficio nin mellora ambiental”, denuncia Seco, quen acusa ao goberno local de “mala xestión e improvisación”.
Os socialistas lembran que no rural seguen sen instalarse colectores específicos para a separación de residuos, nin se puxo en marcha o programa de compostaxe individual comprometido. Do mesmo xeito, nos barrios urbanos non existe o sistema de peche e control dos colectores de materia orgánica, polo que non hai forma de avaliar nin incentivar un comportamento responsable da veciñanza.
O PSOE de Arteixo tamén alerta da falla de programas reais de reciclaxe para o comercio local, outra promesa incumprida que deixa sen efecto as bonificacións aprobadas.
“Non se pode seguir enganando á cidadanía: o goberno do PP prometeu un sistema de incentivos verdes e o único que fixo foi subir impostos sen ofrecer solucións”, engade Seco.
Na moción, o Grupo Socialista solicita tres medidas concretas:
Paralizar a suba da taxa do lixo ata que se implanten os programas de incentivo ambiental prometidos.
Poñer en marcha de inmediato eses programas, tanto para vivendas como para actividades económicas.
Lanzar unha campaña de información e captación de participantes, para que a veciñanza saiba como acceder ás bonificacións e colaborar nunha xestión sostible dos residuos.
“Arteixo merece unha política ambiental seria, participativa e planificada, non parches nin anuncios baleiros”, conclúe o portavoz socialista.

