O PSOE de Arteixo reclama ao PP que cumpra o compromiso de construír a “Casa das Artes” no desenrolo da unidade de actuación 5
Os socialistas esixen ao goberno local que reactive o proxecto cultural pactado hai seis anos e que se aproveite a Unidade de Actuación 5 para esa infraestrutura e un aparcadoiro subterráneo
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo presentará no pleno de outubro unha moción para que o goberno local do Partido Popular retome o proxecto da “Casa das Artes”, unha infraestrutura cultural comprometida co PSOE no ano 2018 e que tamén formou parte do programa electoral do PP, pero que segue sen executarse seis anos despois.
Martín Seco, portavoz do grupo municipal socialista lembra que o proxecto foi froito dun acordo co grupo de goberno na aprobación dun modificado de crédito que incluía a construción deste novo espazo cultural, pensado para desconxestionar o actual Centro Cívico e ampliar as instalacións da Escola Municipal de Música, incorporando novas actividades como danza, teatro ou expresión corporal.
A proposta socialista de 2019 estaba vinculada á reforma interior da Unidade de Actuación 5, “un ámbito que conta cunha parcela de uso dotacional idónea para esta infraestrutura”. O documento tamén incluía a construción dun aparcadoiro subterráneo, co obxectivo de facilitar o acceso, mellorar a mobilidade e apoiar a actividade comercial e hostaleira do centro urbano.
“O PP pasou de pactar con nós a construción da Casa das Artes e de prometela publicamente na campaña electoral de 2019 a esquecela por completo”, denuncia Martín Seco, quen lembra que “a comunidade cultural de Arteixo precisa novos espazos e recursos que respondan á súa vitalidade e talento”.
O PSOE de Arteixo observou que a Consellería de Medio Ambiente deu luz verde ao proxecto de urbanización da Unidade de Actuación 5 e considera que este é o momento idóneo para avanzar na construción da Casa das Artes, cumprindo co acordo plenario e co compromiso electoral adquirido polo PP.
“Arteixo merece unha infraestrutura cultural á altura do seu dinamismo e da súa xente. O que non pode seguir pasando é que proxectos pactados como este queden nun caixón mentres o noso concello segue sen espazos adecuados para a creación e a formación artística”, engadiu Seco.
A moción socialista insta ao goberno local a cumprir o acordo plenario de 2018, poñendo en marcha o proxecto da Casa das Artes e avaliando a viabilidade dun aparcadoiro subterráneo na mesma zona, aproveitando o desenvolvemento urbanístico da Unidade de Actuación 5.
Proxecto socialista para a Casa das Artes de Arteixo

