O PSOE de Arteixo esixe restablecer con urxencia a iluminación da rúa Touriñana tras dous meses ás escuras
Os socialistas reclaman ao goberno local que repoña o alumeado no tramo do edificio derrubado onde se realizaban actividades ilícitas, para que a veciñanza non teña que chegar aos seus portais con lanternas
O PSdeG-PSOE de Arteixo ven de recibir múltiples queixas da veciñanza da rúa Touriñana, que despois de padecer a inseguridade provocada polas actividades delituosas que se realizaban no edificio recentemente derrubado polo Concello e o corte da vía, leva agora dous meses coas obras paralizadas e sen iluminación pública, o que obriga aos veciños e veciñas a chegar aos seus portais coa lanterna do móbil para evitar accidentes.
O voceiro socialista no Concello, Martín Seco, pide “unha solución urxente para a veciñanza desta rúa, que debe poder acceder ás súas vivendas con normalidade a pesar das obras que se están a realizar”, e reclama unha vez máis ao goberno local que “aproveite o solar baleiro para dotar de servizos ao barrio do Petón” ou que se ceda ao IGVS, mediante un acordo que permita construír vivendas a prezos razoables.
“A veciñanza de Arteixo sofre día tras día a falta de solucións habitacionais para as familias que non poden facer fronte aos elevados prezos da vivenda no noso concello” remata Seco.