Os socialistas de Arteixo continúan reclamando actuacións urxentes de seguridade viaria na AC-415 dende Meicende ata Sabón

O PSOE arteixán esixe ao goberno local que interveña de inmediato no tramo perigoso de baixada dende a Choupana, mal iluminado e sen beiravía, e que instale medidas que obriguen a reducir a velocidade

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo presentou nos últimos tempos moitas iniciativas referentes a este vial en diferentes puntos de Pastoriza e Oseiro, e no último pleno un rogo solicitando actuacións urxentes de seguridade viaria na AC-415, concretamente na baixa da Choupana en dirección a Solymar, un punto negro coñecido pola veciñanza e escenario de numerosos accidentes de tráfico, o último deles con resultado mortal no mes de setembro.

O portavoz socialista, Martín Seco,  lembra que este vial fora obxecto no ano 2007 dun proxecto da Xunta de Galicia dotado con case 2 millóns de euros para mellorar a seguridade entre Meicende e Sabón, pero que “nunca chegou a executarse”. En 2015, a Xunta cedeu este tramo ao Concello de Arteixo, que asumiu o seu mantemento e responsabilidade, “sen que dende entón se realizaran melloras significativas e asumindo o custe que isto supón”.

Segundo explica o concelleiro socialista, falamos dun vial con firme esvaradío cando chove, sen iluminación axeitada, sen beiravía nun dos lados e cunha forte pendente pola que moitos vehículos baixan a excesiva velocidade. A traxedia era cuestión de tempo”.

Os socialistas reclaman a revisión urxente do firme, a mellora da sinalización de perigo e a instalación de elementos que obrigan á redución da velocidade, como pasos sobreelevados ou bandas sonoras.

“O Concello non pode seguir mirando para outro lado mentres continúan os accidentes nun tramo que todos sabemos que é perigoso. A seguridade viaria é unha cuestión de responsabilidade política e de respecto pola vida da cidadanía”, conclúe Seco.

Siguiente
Siguiente

O PSOE de Arteixo reclama a eliminación da simboloxía franquista en fontes e lavadoiros de Suevos e Loureda