O PSOE de Arteixo reclama a eliminación da simboloxía franquista en fontes e lavadoiros de Suevos e Loureda

En resposta o goberno local do PP ridiculiza a Lei de Memoria Democrática comparando a retirada dos símbolos da ditadura con eliminar a paga extra de verán, “as presas” ou o seguro de enfermidade

Lavadoiro Suevos

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo presentou no último pleno un rogo solicitando a eliminación da simboloxía franquista que aínda permanece visible en fontes e lavadoiros públicos das parroquias de Suevos e Loureda, en cumprimento da Lei de Memoria Democrática.

O voceiro socialista, Martín Seco, lembrou que a lei obriga ás administracións locais a retirar este tipo de elementos, que exaltan a ditadura e a sublevación militar, e que deben desaparecer dos espazos públicos por respecto á memoria e á convivencia democrática.

Porén, a resposta do grupo de goberno do PP foi asimilar a proposta socialista coa posibilidade de eliminar tamén as pagas extras de verán, as presas hidráulicas construídas ou mesmo o seguro de enfermidade, nunha intervención que os socialistas cualifican de “inadmisible” por banalizar unha cuestión tan seria como a reparación da memoria democrática.

“É inaudito que o PP se permita ridiculizar unha lei aprobada nas Cortes Xerais e que é de obrigado cumprimento para todos os concellos”, afirmou Seco, quen insistiu en que “os símbolos franquistas non poden seguir expostos en espazos públicos, e moito menos ser obxecto de chanza por parte de quen ten a responsabilidade de gobernar este municipio”.

O Grupo Socialista pide que se inicien de inmediato os trámites para retirar as referencias franquistas destas dúas infraestruturas e lembra que a Lei de Memoria Democrática deixa claro que este tipo de símbolos non teñen cabida nin en edificios públicos nin en elementos visibles para a cidadanía.

Lavadoiro Loureda

Siguiente
Siguiente

O PSOE de Arteixo leva ao pleno unha moción en apoio á redución da xornada laboral a 37,5 horas semanais