O PSOE de Arteixo pide sancións ao goberno local polos incumprimentos no SAD norte durante o verán

Os socialistas reclaman a municipalización do servizo a través de SUMARTE para garantir a súa calidade.

 Grupo Municipal Socialista de Arteixo presentou no último pleno diversas preguntas relativas ao funcionamento do Servizo de Axuda a Domicilio (SAD), despois do colapso vivido durante o verán na zona norte do concello pola falta de planificación e coordinación da empresa concesionaria Osventos.

O portavoz socialista, Martín Seco, explica que segundo informes das organizacións sindicais, a empresa non cubriu nin as vacacións nin as baixas en postos fundamentais como o de coordinación, “o que derivou en graves problemas de organización e deixou sen cobertura en días críticos a numerosas familias usuarias deste servizo esencial”.  O concelleiro socialista sinala que “moitos maiores e persoas dependentes quedaron sen a atención que precisan, e iso é algo inaceptable nun servizo público tan sensible”.

O PSdeG-PSOE de Arteixo denuncia que, “malia ser coñecida esta situación, o goberno local non activou un procedemento sancionador contra a empresa”, como si fixo con outras concesionarias por cuestións menores, e lembra que “a falta de control e seguimento por parte do concello favorece que se perpetúe a precariedade dun servizo que debera estar blindado fronte á improvisación”.

Martín Seco destacou que “en Arteixo o problema non é de financiamento, senón de xestión; hai empresas que conciben o SAD como un negocio e non como o servizo público esencial que é”. Por iso, o grupo socialista propón que o concello  municipalice o servizo a través da empresa pública SUMARTE, co obxectivo de garantir unha atención digna e estable ás persoas usuarias e unhas condicións laborais adecuadas para as traballadoras.

“Falamos dun servizo que chega ás persoas máis vulnerables do noso concello, e non pode estar sometido aos vaivéns dunha empresa privada que antepón os beneficios á calidade da atención”, concluíu Seco.

Siguiente
Siguiente

O PSOE de Arteixo reclama ao PP que cumpra o compromiso de construír a “Casa das Artes” no desenrolo da unidade de actuación 5