O PSOE de Arteixo propón consorciar o transporte metropolitano co Concello da Coruña para mellorar as conexións e rematar co caos do bus comarcal

Os socialistas reclaman ao goberno local que se sume á proposta do concello veciño e defenda un modelo de mobilidade conxunta que dea resposta ás necesidades reais da veciñanza arteixá

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo volveu reclamar no último pleno municipal unha solución definitiva aos continuos problemas do transporte metropolitano que depende da Xunta de Galicia e que afecta a milleiros de veciños e veciñas do concello.

O voceiro do grupo municipal socialista, Martín Seco, argumenta que levan meses denunciando o mal funcionamento do servizo, con “incumprimentos reiterados de horarios, autobuses que non chegan ou van cheos e esperas que superan con frecuencia unha hora”, o que dificulta o uso do transporte público tanto para o traballo como para o lecer. “A cidadanía está farta dun servizo ineficaz e mal xestionado, e o goberno local non pode seguir mirando para outro lado”, sinala.

Desde o PSdeG-PSOE de Arteixo lembran que xa en 2024 solicitaron ao goberno municipal que esixira á Xunta o cumprimento dos contratos e abrira expedientes sancionadores á empresa concesionaria, pero a resposta foi a inacción. “A pasividade do goberno local converteuse nun obstáculo máis para resolver un problema que prexudica a centos de usuarios cada día”, engade Seco.

Fronte a esta situación, os socialistas apostan por avanzar cara a unha xestión metropolitana conxunta co Concello da Coruña, seguindo o modelo que o consistorio coruñés vén de poñer enriba da mesa. “É unha oportunidade histórica para crear un consorcio de transporte que permita unificar liñas, mellorar frecuencias e simplificar o traxecto entre ambos concellos”, explica Seco.

Martín Seco insiste en que esta medida permitiría rematar coa actual desconexión entre Arteixo e A Coruña, onde os usuarios se ven obrigados a facer transbordo en Meicende para completar un traxecto que podería facerse de forma directa e máis económica.

“Non é lóxico que haxa unha barreira administrativa onde a realidade social e laboral demostra que somos un mesmo espazo metropolitano. A cooperación con A Coruña é a solución máis eficiente e moderna para mellorar o transporte e reducir a dependencia do coche particular”, concluíu o voceiro socialista.

 

Siguiente
Siguiente

O PSOE de Arteixo pide sancións ao goberno local polos incumprimentos no SAD norte durante o verán