O PSOE de Arteixo presenta dúas mocións no pleno para mellorar a educación e os servizos sociais
Os socialistas reclaman a retirada das bancadas deterioradas do IES Manuel Murguía e esixen á Xunta o cumprimento da Lei de Servizos Sociais para garantir a seguridade e a calidade do Servizo de Axuda no Fogar
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo presentará no próximo pleno dúas mocións centradas en dúas cuestións prioritarias para a cidadanía: a mellora das infraestruturas educativas no IES Manuel Murguía e a esixencia á Xunta de Galicia dun Plan Estratéxico de Servizos Sociais, tal e como establece a lei autonómica desde 2008.
O portavoz socialista, Martín Seco, insiste na necesidade de actuar con urxencia nun dos centros educativos con maior número de estudantes de Galicia, o IES Manuel Murguía, que leva máis dunha década arrastrando deficiencias estruturais e de recursos.
En 2021, os socialistas xa presentaron no Parlamento galego unha iniciativa que recollía os graves problemas do centro:
Carencia de aulas específicas (informática, tecnoloxía).
Instalacións deportivas en estado deplorable, con filtracións e risco de accidentes.
Piares estruturais con gretas e desprendementos.
Pavimento do patio deteriorado e soportais en condicións perigosas.
Xanelas fixadas que impiden cumprir protocolos de ventilación.
Cubertas con filtracións, mofo e risco eléctrico por cableado obsoleto.
A proposta tamén esixía a renovación das bancadas exteriores, que quedaron como restos das antigas instalacións municipais e que hoxe presentan un risco evidente para a seguridade do alumnado. “Catro anos despois, a Consellería anunciou obras, pero nin detallou o proxecto nin incluíu a retirada destas bancadas” afirma Seco, a pesar de que están oxidadas, con corrosión e cinta de precaución permanente, e foron utilizadas para acceder ao centro durante roubos, ao dar acceso desde a parte traseira. Ademais provocaron caídas e accidentes entre estudantes que tentaban subir a elas.e non se utilizan para ningunha actividade educativa nin deportiva.
Seco subliña que a eliminación das bancadas permitiría liberar espazo para usos educativos ou recreativos seguros, como zonas de recreo ou instalacións deportivas modernas. Por iso, na moción os socialistas solicitan que a Xunta, no marco das obras previstas, proceda ao derrubamento inmediato das bancadas deterioradas e que en caso de negativa autonómica, que o Concello actúe directamente para complementar a actuación e garantir a seguridade e funcionalidade do centro.
“Non podemos permitir que, tras décadas de abandono, a Xunta faga reformas parciais sen resolver os problemas que afectan á seguridade do alumnado”, afirma o portavoz socialista, Martín Seco.
Protección do persoal do Servizo de Axuda no Fogar e a planificación da dependencia
A segunda iniciativa socialista esixe o cumprimento inmediato da Lei de Servizos Sociais de Galicia, que obriga desde 2008 a contar cun Plan Estratéxico actualizado cada seis anos.
“Pasaron 16 anos sen que a Xunta cumpra con esta obrigación”,denuncia o portavoz socialista, “o que levou á saturación do sistema, longas listas de espera e unha sobrecarga do Servizo de Axuda no Hogar (SAF)”.
Os socialistas advirten da precarización do traballo neste servizo esencial, con persoal feminizado que sofre sobrecarga, falta de descansos e ausencia de medidas de prevención de riscos, o que quedou trágicamente evidenciado co asasinato o pasado 29 de xullo dunha traballadora do SAF no Porriño.
O PSOE de Arteixo propón a aplicación inmediata do Real Decreto 893/2024 para reforzar a seguridade laboral do persoal, a creación dunha mesa técnica de dependencia en dous meses, así como a creación dun Observatorio do Sistema de Dependencia en Galicia e a elaboración do Plan Estratéxico de Servizos Sociais que a Xunta leva incumprindo desde 2008.
O portavoz socialista, Martín Seco, subliña que “a Xunta non pode seguir mirando cara a outro lado. A falta de planificación nos servizos sociais e a ausencia de medidas de protección laboral están a poñer en risco tanto ás traballadoras como ás persoas dependentes”.