O PSOE de Arteixo propón un plan municipal ambicioso para revitalizar o comercio de proximidade
Os socialistas levan ao pleno de xaneiro unha moción para impulsar a economía urbana, apoiar ao pequeno comercio e construír un concello máis vivo, sostible e con identidade propia
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo presentará no pleno do mes de xaneiro unha moción para a posta en marcha dun Plan Municipal de Impulso da Economía Urbana e do Comercio de Proximidade, coa que pretende dar unha resposta estrutural aos retos que afronta o pequeno comercio e reforzar o seu papel como motor económico, social e territorial do concello.
Dende o PSOE afirman que o comercio de proximidade é moito máis ca unha actividade económica: xera emprego, fixa poboación, crea vida de barrio, garante servizos básicos e contribúe á seguridade e á cohesión social. Nun contexto marcado pola dixitalización acelerada, o auxe do comercio electrónico e os cambios nos hábitos de consumo, os socialistas consideran imprescindible que o Concello asuma un papel activo e planificado no apoio ao sector.
A moción destaca o peso estratéxico do comercio minorista na economía, un sector formado maioritariamente por pequenas e microempresas, cunha elevada presenza feminina e cun impacto directo na calidade de vida dos barrios e parroquias. Ademais, o comercio local está intimamente ligado a un modelo de municipio máis sostible, reducindo desprazamentos, favorecendo o consumo responsable e aliñándose coas estratexias europeas de cidades de proximidade.
Neste sentido, o Grupo Municipal Socialista propón que Arteixo conte cun plan estable, participado polo tecido comercial, que inclúa medidas concretas de modernización, dixitalización, formación, accesibilidade, sustentabilidade e mellora do espazo público. O plan debería integrar tamén o comercio local nas políticas de urbanismo e mobilidade, garantindo que as decisións municipais teñan en conta o seu impacto sobre a actividade económica de proximidade.
A iniciativa inclúe tamén campañas de promoción do consumo local, programas de fidelización, apoio ao emprendemento e á substitución comercial, simplificación administrativa, revitalización de mercados municipais e galerías comerciais, así como a planificación de máis prazas de aparcamento nas zonas comerciais, unha demanda recorrente do sector.
O portavoz municipal socialista, Martín Seco, sinala que “defender o comercio de proximidade é defender un modelo de concello con vida, con emprego de calidade e con barrios activos; sen planificación nin apoio público, perdemos comercio, pero tamén perdemos identidade e cohesión social”.

