O PSOE de Arteixo reclama medidas urxentes para mellorar a convivencia veciñal, a limpeza urbana e o benestar animal

Os socialistas reclaman un Plan de Xestión da Colonias Felinas e denuncian a falta de planificación e de vontade política do goberno local na xestión das mascotas e dos espazos públicos

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo presenta no pleno deste mes unha moción cun Plan de Xestión das Colonias Felinas que cumpra co establecido na lei de benestar animal (CER), para mellorar a convivencia veciñal, a limpeza urbana e a xestión responsable dos animais de compañía, ante o que consideran unha “falla absoluta de planificación e de vontade política” por parte do goberno local nestes ámbitos.

Dende o PSOE denuncian que a ausencia de políticas públicas eficaces está a xerar conflitos veciñais, problemas de salubridade e unha degradación progresiva dos espazos públicos. Un dos exemplos máis claros é a inexistencia dun plan municipal de xestión das colonias felinas, a pesar de ser unha obriga legal recollida na Lei de Benestar Animal de 2023 e de existir directrices técnicas estatais para aplicar o método CER (Captura, Esterilización e Retorno).

A falta de control destas colonias está a provocar a aparición desordenada de novos animais, problemas sanitarios, animais mortos e actuacións descoordinadas dunha veciñanza que actúa de boa fe, pero sen apoio nin cobertura municipal. “É unha irresponsabilidade que o Concello siga mirando para outro lado”, sinala Martín Seco, portavoz do grupo socialista.

Outra das demandas centrais da moción é a creación de espazos públicos adecuados para o paseo e lecer das mascotas, unha promesa reiterada polo goberno local dende hai máis dunha década e que nunca chegou a materializarse. O PSOE propón a instalación do primeiro parque canino do concello en 2026 e a planificación doutros en diferentes zonas urbanas, con criterios de accesibilidade e utilidade real.

A moción tamén pon o foco na sucidade derivada dos excrementos e ouriños das mascotas, un problema crecente en rúas, beirarrúas, fachadas e mobiliario urbano. Os socialistas reclaman a actualización da ordenanza municipal para esixir non só a recollida dos excrementos, senón tamén a limpeza dos ouriños con auga xabonosa, acompañada de campañas de concienciación e, cando sexa necesario, de sancións aos comportamentos incívicos.

Ademais, denuncian que o Concello incumpre a súa propia normativa no relativo ao censo de animais de compañía, xa que na práctica só están rexistradas as mascotas potencialmente perigosas, deixando sen resposta ás solicitudes de veciños e veciñas que queren cumprir coa normativa.

Con esta iniciativa, o Grupo Municipal Socialista insta ao goberno local a poñer en marcha en 2026 un plan integral e coherente, que combine benestar animal, convivencia veciñal, limpeza urbana e cumprimento da legalidade. “Non se trata de estar en contra das mascotas, senón de gobernar con responsabilidade, pensando na saúde pública, no respecto entre veciños e na calidade de vida en Arteixo”, conclúe o socialista Martín Seco.

Siguiente
Siguiente

O PSOE de Arteixo propón un plan municipal ambicioso para revitalizar o comercio de proximidade