O PSOE de Arteixo reclama explicacións polo incumprimento do plan de pictografiado comprometido polo goberno local
Os socialistas lembran que a iniciativa foi aprobada por unanimidade en 2024 e lamentan que o Concello non teña avanzado na súa posta en marcha para facilitar a inclusión das persoas con diversidade funcional.
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo presentou no último pleno unha serie de preguntas dirixidas ao goberno local para coñecer o grao de cumprimento do plan de pictografiado aprobado hai máis dun ano a proposta do propio PSOE.
A iniciativa, aprobada en xullo de 2024, tiña como obxectivo facilitar a accesibilidade cognitiva e a comunicación das persoas con diversidade funcional a través da instalación de pictogramas en parques infantís, espazos públicos e edificios municipais, así como promover a súa implantación en establecementos privados mediante colaboración institucional.
Porén, un ano despois da súa aprobación, o goberno local non deu pasos visibles nin informou da redacción dun plan nin do calendario previsto para a súa execución.
O portavoz socialista, Martín Seco, lamentou esta falta de compromiso. “Falamos dunha medida sinxela, útil e de baixo custo que mellora o día a día de moitas familias con nenos e nenas con autismo ou outras dificultades de comunicación. Non é comprensible que o Concello de Arteixo, cun dos maiores orzamentos da provincia, non teña avanzado nada nun proxecto tan necesario e aprobado por unanimidade.”
Os socialistas reclaman transparencia e cumprimento dos acordos plenarios, e piden ao goberno local que explique cando se porá en marcha o plan de pictografiado e que espazos serán os primeiros en adaptarse.
“A inclusión non pode quedar nunha foto ou nun titular; require vontade política e accións concretas. E este goberno está a demostrar que nin o un nin o outro”, concluíu Seco.