O PSOE de Arteixo solicita ao goberno local que elabore un Plan Director de Surf e tramite a adhesión á Rede de Pobos do Surf
A moción dos socialistas arteixáns busca aproveitar o potencial do litoral do municipio para un turismo sostible e activo que dinamice a economía local e protexa o medio ambiente
O Grupo Municipal Socialista do Concello de Arteixo presentará no próximo pleno unha moción para que o goberno local poña en marcha un Plan Director de Turismo de Surf e inicie os trámites para a adhesión de Arteixo á Rede de Pobos do Surf, unha iniciativa de referencia no Estado que aposta por un modelo de turismo sostible e racional vinculado á práctica do surf.
O portavoz socialistas, Martín Seco, explica que a proposta xorde tras unha reunión mantida co colectivo veciñal "Arteixo Futuro", no marco da súa aposta por un modelo de desenvolvemento que combine actividade deportiva, respecto polo medio ambiente e dinamización económica. “O surf é un deporte en crecemento, cun impacto cada vez maior nos nosos areais —como Sabón, Barrañán ou Valcovo— e con escolas de surf activas no municipio, polo que é o momento de ordenar e planificar o seu desenvolvemento de forma estratéxica” argumenta Seco.
O Plan Director que propón o PSdeG-PSOE ten un horizonte a cinco anos e contemplaría:
Melloras de infraestruturas de apoio á práctica do surf (accesos, zonas de aparcamento, alugueiro de equipos, etc.)
Xestión sostible do litoral, con especial atención á conservación ambiental
Seguridade e formación, establecendo protocolos de prevención e programas educativos
Dinamización turística, integrando o surf como motor económico local
Participación cidadá no proceso de planificación e execución
Así mesmo, a moción pide que o Concello de Arteixo se una á Rede de Pobos do Surf, da que xa forman parte municipios galegos como Carballo e Ferrol, ademais doutros en Asturias, Cantabria ou Euskadi. Esta rede está financiada polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Estado, e promove o surf como motor de emprendemento local, creación de emprego e desenvolvemento sostible, sempre co foco posto no respecto á contorna e á cultura surfera.
Desde o Grupo Socialista consideran que esta iniciativa sería “unha oportunidade única para posicionar a Arteixo como destino de surf de referencia”, aproveitando a súa costa e sumándose a unha rede de traballo colaborativo con concellos que xa teñen experiencia neste ámbito.
“Temos praias, temos surfistas, temos escolas… só nos falta un proxecto serio, planificado e participado. Esta é unha aposta polo futuro, polo turismo sostible e por dar valor ao que xa temos”, sinala o portavoz do grupo socialista.