O PSOE denuncia que o PP ten sen desenvolver o Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) de Arteixo a dous anos de caducar
Os socialistas denuncian que o alcalde non convocou a Mesa de Mobilidade en 6 anos e deixou pasar o prazo establecido no documento para aprobar a ordenanza de patinetes, bicis e peóns.
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo presentará unha segunda moción no pleno deste mes para esixir ao goberno local do Partido Popular a execución e avaliación urxente do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS 2020-2028). A formación liderada por Martín Seco denuncia que, a piques de cumprirse o sexto dos oito anos de vixencia deste documento estratéxico, o executivo de Carlos Calvelo non aplicou os seus mecanismos de seguimento e incumpriu os prazos para aprobar as normativas fundamentais de circulación no municipio.
Dende o PSOE destacan que o PMUS é un instrumento obrigatorio por lei para concellos de máis de 20.000 habitantes e requisito indispensable para captar fondos europeos, pero que para o PP está a convertirse nun "simple trámite sobre o papel para facer a foto e pedir subvencións, sen intención ningunha de executalo".
Mesa da Mobilidade conxelada dende 2020
O voceiro socialista, Martín Seco, pon o foco na gravísima eiva democrática e de participación que supón a parálise do plan. O documento aprobaba a creación dunha Mesa da Mobilidade na que tiñan que estar representados os grupos políticos, o persoal técnico, as empresas de transporte, os comerciantes, o sector educativo e a veciñanza, con xuntanzas obrigatorias de carácter semestral.
"A realidade é que, despois de seis anos de PMUS, o alcalde non se dignou a convocar nin unha soa vez a Mesa da Mobilidade. Están gobernando ás costas da veciñanza e ocultando o grao real de execución duns obxectivos que teñen financiamento público", criticou Seco.
O incumprimento máis flagrante do PMUS afecta á regulaxe do tráfico e á seguridade viaria. O propio plan establecía un programa de actuación a medio prazo (2022-2024) para redactar e aprobar unha nova Ordenanza de Mobilidade Sostible. Esta normativa debía darlle marco xurídico á convivencia entre o coche, o peón, os patinetes eléctricos (VMP) e as bicicletas, ademais de regular o estacionamento, o taxi, o aluguer de bicis e a calidade do aire.
"Estamos no final de 2026, o prazo marcado no PMUS caducou hai dous anos e Arteixo segue sen ordenanza. A falta de xestión do PP deixa ao noso concello nunha situación de caos e baleiro legal fronte á aparición de novas formas de transporte", advertiu o voceiro socialista.
"O PP de Arteixo utilizou o Plan de Mobilidade para vender titulares de sustentabilidade e conseguir fondos da UE, pero á hora da verdade meteu o documento nun caixón. É inaceptable que en seis anos non convocasen a Mesa de Mobilidade nin redactasen a ordenanza de patinetes e bicis que tiña que estar lista en 2024. Esiximos transparencia, que dean conta do grao de execución do plan e que abran xa a participación pública para regular a mobilidade real de Arteixo", manifesta Seco.
A moción do Grupo Municipal Socialista solicita que a corporación municipal de Arteixo aprobe dous acordos de obrigado cumprimento para o Executivo local: a convocatoria inmediata da Mesa da Mobilidade contemplada no PMUS (2020-2028), coa participación dos sectores sociais e económicos, e presentar o Informe de Seguimento oficial para avaliar o grao real de cumprimento das medidas; e por outra banda, a exposición pública da Ordenanza de Mobilidade para a redacción da nova Ordenanza de Mobilidade Sostible, cuxa publicación tiña que estar rematada, segundo o propio plan municipal, como moi tarde no ano 2024.

