Os socialistas arteixáns propoñen un Plan Municipal de Vivenda para mobilizar os pisos baleiros e alertan da "dramática realidade" de familias vivindo en furgonetas ou maiores que se ven obrigados a marchar do concello.
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo defenderá no pleno ordinario deste mes de setembro unha moción para esixir ao Goberno local do Partido Popular que tome medidas inmediatas ante a que xa é a "maior emerxencia social e económica" da veciñanza: a falla de oferta de vivenda e os prezos prohibitivos do alugueiro. A iniciativa propón iniciar de xeito urxente os trámites para declarar Arteixo como zona de mercado residencial tensionado, o que permitiría aplicar os índices de referencia para tope e rebaixa dos prezos consonte á Lei Estatal polo Dereito á Vivenda.
Dende o PSOE denuncian que a "inacción e insensibilidade" do alcalde, Carlos Calvelo, e da Xunta de Galicia, con competencia exclusiva nesta materia, expulsa do concello aos mozos que buscan emanciparse e ás familias traballadoras nun municipio en pleno desenvolvemento industrial.
Pisos en aluguer de máis de 750 euros e dramas sociais nas rúas
O portavoz socialsita, Martín Seco, achega cifras concretas sobre a "burbulla" inmobiliaria que sofre Arteixo pola súa proximidade á Coruña. A día de hoxe é practicamente imposible atopar un piso de tamaño medio por menos de 750 euros ao mes, o que obriga a moitas familias a destinar máis do 40% dos seus ingresos únicamente á vivenda
Esta situación límite está a provocar episodios dramáticos no propio concello. Dende a formación lembran casos recentes aparecidos nos medios e nas redes sociais, como o de familias vivindo en autocaravanas e furgonetas aparcadas nas rúas de Arteixo pola imposibilidade de acceder a un contrato, ou o dunha veciña de máis de 75 anos que, tras unha década de alugueiro, viu como a expulsaban do seu fogar ao non atopar ningunha alternativa por menos de 500 euros para seguir vivindo na súa parroquia de toda a vida.
Seco pon o foco en que os anuncios do PP sobre futuras promocións protexidas na Penouqueira son unha "cortina de fume" que non resolverá nada a curto prazo, xa que non estarán dispoñibles ata dentro de 3 ou 4 anos e serán insuficientes. Frente a isto, o PSOE aposta por poñer no mercado o gran parque de vivenda baleira que ten o concello mediante incentivos e garantías para os propietarios.
"Mentres outros concellos da nosa contorna actúan, Arteixo mira para outro lado por submisión partidista coa Xunta. É inaceptable que nun municipio con este potencial económico haxa veciños durmindo en furgonetas e maiores expulsadas porque o alugueiro non baixa dos 750 euros. Esiximos facer xa o estudo técnico para declarar Arteixo zona tensionada, baixar os prezos por lei e dar seguridade aos propietarios para que saia ao mercado a vivenda baleira", manifesta o voceiro socialista, Martín Seco.

